DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Forumemprego arranca o luns co maior número de participantes da súa historia

Segue aberto o prazo de inscrición para Ourense e Pontevedra

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 15/02/2008

Coa finalidade de proporcionar unha ferramenta para unha mellor e máis rápida incorporación dos estudantes ao mercado laboral, entre os días 18 e 22 de febreiro desenvolvenrase nos tres campus da Universidade de Vigo as Xornadas Universitarias de Emprego de Galicia e Norte de Portugal, que nesta sétima edición baten un récord de inscritos no campus de Vigo con máis de setecentos matriculados. Pola súa banda, os interesados en acudir ás sesións en Pontevedra e Ourense aínda teñen de prazo ata luns e mércores, respectivamente.
Cunha duración de trinta horas, as conferencias, organizadas pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais en colaboración coa Rede Eures, están dirixidas especialmente a aqueles alumnos que están nos últimos anos de carreira ou aos egresados que aínda non atoparon emprego. Trátase de ofrecerlles unha visión xeral sobre os novos retos laborais, a mobilidade internacional, os recursos para a empregabilidade ou os procesos de selección, entre outros temas.
O primeiro en recibir a visita dos conferenciantes, os días 18 e 19, será o campus de Vigo, seguido polos de Pontevedra e Ourense, nos que as xornadas terán lugar os días 19 e 20, e 21 e 22, respectivamente. Deste xeito, o contido e os participantes estarán relacionados coas titulacións impartidas en cada un deles, así, as empresas referidas ao sector tecnolóxico e científico estarán en Vigo, as relacionadas con temas sociais e da comunicación localizaranse en Pontevedra e as de informática ou de alimentación, en Ourense, aínda que tamén haberá entidades que, por abarcar un amplo abano de actividades, estarán presentes nos tres campus.

Colaboradores de excepción

Para esta ocasión, as xornadas contan coa colaboración de organizacións da talla de Unión Fenosa, Gadisa, Pricewaterhousecoopers, Cáritas, Fundación Universia, Caixa Galicia, Ecovigo, Fundación Once e a Asociación Forestal de Galicia, pero ademais haberá representantes de empresas portuguesas de presenza internacional e da administración pública autonómica, que informarán aos futuros opositores das alternativas existentes relacionadas co acceso á docencia no ensino e aos temas de benestar e igualdade.

De volta á Universidade de Vigo

Entre as testemuñas que os asistentes poderán seguir durante os días de celebración do Forumemprego, especialmente próximas poden resultarlles as de varios egresados da Universidade de Vigo que na actualidade desempeñan postos de responsabilidade na empresa privada ou pública, e tamén na administración. É o caso da xuiza de Primeira Instancia e Instrución Águeda Rodríguez Domínguez, a directora da oficina do Banco de Santander, Begoña Rodríguez ou o responsable do departamento técnico de Turyelectro Galicia S.L, Rubén Ucha, que protagonizarán o luns 18 de febreiro unha mesa de experiencias co título De universitario a profesional.
As sesións completaranse con relatorios, coloquios e mesas redondas nas que se abordarán o traballo na empresa privada e o acceso ao emprego nas administracións públicas. A parte práctica das xornadas céntrase na elaboración dun currículo no modelo europeo Europass que os participantes poderán entregar ata o 15 de marzo.

Acto de presentación das xornadas

A presentación das xornadas terá lugar o luns ás 11.00 horas no salón de actos de Facultade de Ciencias Experimentais e contará coa presenza de Alberto Gago, Reitor da Universidade de Vigo; Pastor Fuenteseca, director xeral da Consellería de Traballo, e Avelino Leite, presidente do Eures Transfronteirizo Galicia – Norte de Portugal e delegado do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal.