DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Forumemprego estréase no campus

As xornadas clausuraranse hoxe

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI DUVI 20/02/2008

Ao redor de 250 estudantes asistiron á inauguración do Forumemprego na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que participaron o vicerreitor de campus, Jesús Hernández, a Conselleira EURES da Universidade de Vigo, Emilia Seoane, e o delegado provincial da Consellería de traballo, Pedro Borrajo, para quen estas xornadas constitúen “unha oportunidade para presentarlles aos futuros egresados da Universidade de Vigo as posibilidades do emprego comunitario e permitirlles que poidan rentabilizar a súa formación universitaria”. Unhas xornadas plantexadas como un instrumento foguete que estimule aos estudantes a demostrar a súa valía profesional dentro e fóra de España e que veñen a reforzar a vocación internacional do campus, como indicou Jesús Hernández. Para o vicerreitor, “resulta positivo traer a Pontevedra unhas xornadas que cada vez teñen máis protagonismo na Universidade, especialmente nun proceso de converxencia académica con Europa como o que estamos a vivir”.

“O máis importante é ser un RR.PP. de sí mesmo”

Trala inauguración, egresados de Publicidade e RR.PP., Comunicación Audiovisual e Belas Artes interviron nunha mesa redonda na que relataron a súa experiencia profesional e animaron aos estudantes do campus a abrirse camiño. Nas súas testemuñas, insistiron en que a clave é confiar no traballo de cada quen, asumir metas tanxibles, ser humildes, canalizar as posibilidades, ser resolutivos e amosar unha boa actitude, pois “non resulta é fácil atopar un traballo, e hai que esforzarse ao máximo cando consegues un”, como afirma Mariña Bello, licenciada en Publicidade e RR.PP. e na actualidade responsable do gabiente de prensa da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, para quen “o primeiro é darse a coñecer e ser un RR.PP. de sí mesmo”.

8 mesas redondas e 24 relatores

Ao longo das xornadas que continúan este mércores, os participantes poderán coñecer toda a información práctica referida á busca de emprego e a elaboración de curricula, con especial fincapé no CV Europeo Europass. As sesións estarán protagonizadas polos técnicos en emprego da Universidade de Vigo e profesionais galegos e estranxeiros de prestixio nas compañías punteiras dos sectores vencellados ao Campus de Pontevedra, nomeadamente, enerxía, comunicación, saúde, deporte, educación, artes e xestión de administracións públicas. En total, 24 expertos que conformarán un programa estruturado en mesas redondas.