DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EEME mantén abertos os prazos para a presentación de traballos aos concursos

Fotografías e maquetas de escavadoras e instalacións eficientes visibilizan o sector mineiro e enerxético

O centro tamén impulsa a competición de improvisación oral Eme_Pakuxa, o 7 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
M. Del Río DUVI 12/01/2021

Ao longo do curso académico, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía convoca unha serie de concursos e certames que buscan potenciar e visibilizar as profesións relacionadas co seu sector, dende as enerxías renovables ata as explotacións mineiras ou a avaliación de impacto ambiental. Tras entregar en decembro os premios Enfoca.RME e Curtametraxes enerxéticas 2020, de cara aos vindeiros meses o centro mantén aberto o prazo de inscrición e presentación de traballos dos concursos de construción de maquetas de escavadoras (Escava_Rme) e de instalacións eficientes (Enerxiza.Rme), o certame de fotografía Mulle_Rme 2021 e o de improvisación oral Eme_Pakuxa.

As maquetas poden presentarse ata finais deste mes 

O alumnado de secundaria é o destinatario dos concursos de maquetas, que buscan as mellores propostas de escavadoras, por unha banda, e de instalacións eficientes, por outra. En concreto, o vindeiro día 30 de xaneiro remata o prazo para que o alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e de ciclos formativos poña a proba o seu enxeño e creatividade no certame Escava_Rme coa construción dun equipo que sexa capaz de remover e de cargar material. O concurso desenvolverase por equipos e os gañadores recibirán un cheque por valor de 300€, mentres que os segundos obterán 150€ para o centro educativo. O guindastre con sistema de carga poderá estar fixo ou ser móbil e o requisito fundamental é que poida rotar sobre si mesmo e permita realizar a carga do material. Non existe limitación en canto a materiais (cartón, madeira, metal, plástico etc.) ou tecnoloxías empregadas para a súa construción (elaboración manual en taller, creación de pezas mediante impresoras 3D, procesos de mecanización etc.). Os equipos estarán liderados por un docente do centro educativo ao que pertenza o alumnado.

Un día máis tarde, o 31 deste mes, remata o prazo para inscribirse no concurso Enerxiza.Rme, tamén dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e de ciclos formativos, que ten como obxectivo construír unha maqueta dunha instalación eficiente. A finalidade é que poñan a proba as súas jhabilidades ao tempo que reforzan os seus coñecementos en eidos como a hidráulica, a pneumática e os circuítos e a automática. Na competición, que se desenvolve por equipos, os estudantes deberán construír unha maqueta de vivendas eficientes ou de centrais e plantas de enerxías renovables, como eólica, hidráulica, xeotérmica etc. As bases neste caso tampouco contemplan limitación en canto a materiais ou tecnoloxías empregadas para a súa construción nin de dimensións da maqueta. A competición terá lugar en maio na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Medio Ambiente. Para cada categoría entregarase un premio de 300€ e outro de 150€ para os centros educativos gañadores. 

Mulle_ Rme 2021, unha fotografía que visibilice ás mulleres no sector

Outra das propostas da EEME para este curso é concurso de fotografía Mulle_Rme 2021, que busca dar visibilidade á muller nas actividades relacionadas coa profesión de enxeñaría de minas e enerxía: xeración, transformación, transporte e uso da enerxía, enerxías renovables, explotación de minerais e rochas, túneles e obras subterráneas, restauración de espazos mineiros, avaliación de impacto ambiental, fabricación e uso de materiais, explosivos, etc. Os galardóns ás mellores instantáneas entregaranse coincidindo coa celebración do 8 de marzo, Día internacional das mulleres. As imaxes, que poden enviarse ata o día 5 dese mesmo mes, deben ser orixinais e amosar situacións, paisaxes ou circunstancias relacionadas con estas actividades nas que a muller debe ser protagonista activa ou polo contrario, nas que se poña de manifesto a masculinización da actividade. Admítense obras en branco e negro e en cor, realizadas mediante calquera técnica fotográfica e ata un máximo de tres por autor ou autora. A entrega de premios e o acto de inauguración da exposición temporal das fotografías terá lugar durante as xornadas previstas para a celebración do día internacional da muller no vestíbulo da EME. A fotografía gañadora recibirá un cheque por un valor de 300 € e a segunda de 150 €.

Eme_Pakuxa

A programación de concursos da escola complétase co Eme_Pakuxa, un certame de improvisación oral organizado en colaboración coa Delegación de Alumnado que ten como obxectivo que as e os estudantes do centro amosen o seu potencial orador. O concurso terá lugar o 7 de abril na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo. Para poder participar envía as túas inscricións e o prazo de inscrición está aberto dende o 11 de xaneiro ata o 20 de marzo.

Cada participante deberá realizar unha intervención arredor de 16 diapositivas, dispondo de 20 segundos para cada unha delas. Non coñecerán as diapositivas de antemán e terán que realizar unha exposición coherente e orixinal. Un xurado constituído por dous profesores da EME e dous alumnos decidirá cal será o gañador, que recibirá un agasallo da escola.