DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do ciclo “Escritores na Universidade”

Fran Alonso defende en Filoloxía a desmitificación da literatura

O autor vigués defínese como un escritor vocacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 22/11/2007

“Hai que desmitificar a literatura. Estou totalmente en desacordo coa afirmación de que a literatura é algo imprescindible”, así iniciou o escritor Fran Alonso a súa intervención no ciclo “Escritores na Universidade”. O obxectivo: deixar claro que “non antepoño en ningún caso a literatura á vida”.
Alonso (Vigo, 1963) definiuse a si mesmo coma un escritor vocacional que chegou á literatura “simplemente porque me gustaba”. Segundo a súa opinión, este feito é algo moi común na súa xeración, a dos 90, pero pouco común ata eses intres. “A literatura galega deixou de ser un elemento fundamental para a defensa da supervivencia cultural do país e, neste sentido, fíxose moito máis desinhibida e moito máis alegre á hora de contar as cousas. Eu tamén asumín esta actitude de desenfado e de liberación”, sinalou.

Unha literatura comprometida co seu tempo

Segundo expuxo na súa intervención, o compromiso co seu tempo é un dos trazos que mellor define a obra de Alonso, “a miña preocupación é transmitir aos meus coetáneos aquilo que vivo. Sen renunciar a unha certa vocación estilística, intento ser todo o directo que podo na miña forma de contar”.
Como anécdota o escritor vigués sinalou que a principios dos noventa, coa primeira obra recén publicada, o tamén escritor Bernardino Graña se referiu á súa poesía como “poesía de camioneiro” e “eu creo que acertou, porque para min naquel intre os camioneiros representaban perfectamente a vertixe de finais de século”.
A xeito de clasificación xeral, Alonso falou de dúas liñas principais na súa obra: a interior, na que reflexiona sobre o máis próximo, e a exterior, onde versa sobre cuestión máis xerais, se ben son liñas moi cuestionables “porque no mundo globalizado todo repercute en todo”.
A narración forte e directa é outra das características da súa obra. “Intento narrar sempre con forza, pode gustar ou non ao lector pero o obxectivo é non deixalos indiferentes”, subliñou.
O ciclo, organizado en colaboración coa “Asociación de escritores en lingua galega”, continuará a vindeira semana na Facultade de Filoloxía e Tradución.