DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula no Centro de Linguas ata mañá, 30 de setembro

Francés, inglés, español e lingua de signos conforman a oferta de idiomas no campus

Unha das novidades deste ano é o curso de conversa en francés

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 29/09/2008

Os alumnos e membros da comunidade universitaria poderán ampliar a súa formación cos cursos de idiomas de organiza o Centro de Linguas para este cuadrimestre no campus pontevedrés. Conversa en francés e en inglés, español para estranxeiros, lingua de signos e conversa en lingua de signos completan a oferta que este ano se impartirá nas aulas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. As novidades para este curso son o seminario de conversa en francés, que é a primeira vez que se imparte no campus, e o de conversa en lingua de signos, que por primeira vez se oferta na Universidade. “As opcións en Pontevedra son máis concretas, non existe unha demanda tan alta como en Vigo, xa que moitos alumnos aínda que estudan no campus, viven en Vigo e por iso deciden matricularse alí”, explicou Alfonso Rodríguez, administrativo do Centro de Linguas. Precisamente iso foi o que ocorreu co curso de Italiano e o de inglés, tradicionais de A Xunqueira e que, “finalmente decidiron suprimirse e manter soamente os do centro vigués”, engadiu.

Conversa en inglés, o máis demandado

Conversa en inglés continúa sendo o líder da oferta que o Centro de Linguas pon a disposición dos membros do campus pontevedrés, “enchendo cada ano o número de prazas”, apuntou Alfonso Rodríguez. Cun aforo máximo de 15 e a dous días de rematar a data de inscrición, xa quedan poucas vacantes para este curso, aínda que para conversa en francés ou de signos, hai máis posibilidades de atopar un oco. Para o resto da programación, o de español para estranxeiros e lingua de signos a dispoñibilidade é máis elevada, contando con 25 prazas cada un.

Prazos e inscricións

Todos aqueles que queiran inscribirse en algún dos cursos que oferta o Centro de Linguas para este cuadrimestre teñen ata mañá, 30 de setembro, para formalizar a matrícula.
Cunha duración de 45 horas, español para estranxeiros e lingua de signos teñen un prezo de 180 euros para o público xeral e de 135 euros para os membros da comunidade universitaria. Os cursos de conversa, tanto o de inglés, o de francés coma o de signos, constan de 20 horas e o importe é de 80 euros para toda a cidadanía e de 60 para alumnos e traballadores da Universidade.