DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En Europa só existe outro chip con funcións similares, pero este é máis sinxelo e seguro

Francisco Díaz, investigador de atlanTTic, logra a patente internacional dun xerador cuántico de números aleatorios para encriptar información

Utilizarase tamén para simulacións industriais ou médicas, así como lotarías e apostas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
DUVI 05/04/2022

O investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, Francisco Díaz Otero, acaba de lograr a patente internacional dun xerador cuántico de números aleatorios que poderá empregarse para protexer información en Internet, entre outros usos. En Europa, só existe outro chip con funcións similares aínda que o deseñado por Díaz é máis sinxelo e seguro.  
Para o investigador do grupo Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, coñecido como grupo COM, é a súa primeira patente internacional. O chip poderá utilizarse en simulacións médicas, estatísticas ou industriais que necesiten estes métodos, así como en loterías e apostas. Na industria, segundo explica Díaz, “o xerador poderá empregarse para simulacións de modelos nas que se necesiten xerar números aleatorios como por exemplo en loxística, mecánica, animacións por ordenador… e, en medicina, é de gran utilidade en farmacoloxía ou análise de mostras”.  


A gran novidade do sistema ideado polo investigador de atlanTTic, segundo engade, “é a incorporación da mecánica cuántica para xerar números aleatorios puros”.

O chip de Díaz, de catro por seis milímetros, poderá ser patentado a partires da avaliación internacional, en calquera país do mundo. 

Promotor e impulsor do laboratorio cuántico que se porá en marcha nos próximos meses

Francisco Díaz é profesor de Sinal e Comunicacións Ópticas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, ademais de ser un dos investigadores promotores e impulsores do Center for Quantum Comunications Technology (QCTech), laboratorio especializado en comunicacións cuánticas e fotónica que se porá en marcha en Vigo nos próximos meses. QCTech, foi posible grazas ao traballo de investigación na seguridade en internet baseada precisamente en supostos computacionais desenvolvidos polos investigadores de atlanTTic. Este laboratorio conta co apoio da Axencia Espacial Europea, ESA; o Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial, CDTI; a Axencia Galega de Innovación, GAIN; o Consorcio da Zona Franca de Vigo e diversas empresas nacionais e Internacionais como Alter Technology, Sener Aeroespacial ou VLC Photonics.

Así mesmo, Díaz Otero é tamén promotor de SPARC (Semiconductor InP Foundry and Advanced Research Centre), a futura fábrica e centro de I+D de Vigo especializada en semiconductores fotónicos e que conta co respaldo da Zona Franca de Vigo. 

Estas dúas infraestruturas colocarán a Vigo, tal e como subliñaron en diferentes ocasións os profesionais implicados en ambos proxectos, á vangarda en tecnoloxías de futuro das que se beneficiarán no só empresas senón a sociedade galega no seu conxunto.