O catedrático da Área de Botánica ocupa actualmente este cargo
Francisco Javier Rodríguez Rajo é o candidato de H2040 a vicerreitor do campus de Ourense
A candidatura de Belén Rubio dá a coñecer nestes días diferentes membros do seu equipo
O catedrático da Área de Botánica na Facultade de Ciencias Francisco Javier Rodríguez Rajo é a proposta para liderar a Vicerreitoría do campus de Ourense de H2040, a candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo que encabeza a catedrática Belén Rubio. Rajo forma parte do grupo de investigación en Sistemas Agroambientais (GISA), que pertence ao instituto de investigación do Campus Auga, e conta cunha ampla traxectoria académica e profesional ligada á Universidade de Vigo. A súa dilata experiencia en xestión universitaria, destacan desde H2040, permítelle contar cunha visión integral e transversal do funcionamento institucional e a súa candidatura “susténtase nun compromiso claro co desenvolvemento equilibrado do Campus Auga, co fortalecemento da súa identidade propia como campus de especialización dentro da Universidade de Vigo e coa mellora continua das condicións para o alumnado, o profesorado e o persoal técnico de administración e servizos”.
Rodríguez Rajo é vicerreitor do campus de Ourense dende xuño de 2023 e, indican desde a candidatura, defende un modelo de campus con “máis capacidade de decisión, apostando por un modelo de xestión baseado na proximidade, no diálogo e na participación da comunidade universitaria, entendendo que os mellores resultados só se acadan dende a colaboración e o traballo en equipo”.
Para dar a coñecer as propostas de Francisco Javier Rodríguez Rajo para o campus de Ourense, H2040 ten preparado un espazo de diálogo entre o candidato do campus e a candidata á Reitoría que está dispoñible na canle de Youtube.
