DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro renovará a súa dirección tras esgotarse os dous mandatos máximos de Gil Garrote

Francisco Javier Rodríguez Rajo, único candidato a decano da Facultade de Ciencias

A votación será o venres 22 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 05/04/2022

Desde o pasado 22 de febreiro, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense ten aberto o proceso electoral para elixir novo decano ou decana, despois de esgotarse o período máximo de dous mandatos e seis anos exercidos polo seu ata de agora decano, o profesor Gil Garrote. Este martes celebrouse a proclamación definitiva de candidaturas, sendo a única presentada a do profesor Francisco Javier Rodríguez Rajo. A votación da Xunta de Facultade será o venres 22 de abril.

Francisco Javier Rodríguez Rajo é catedrático da Área de Botánica e director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo. Conta con catro sexenios de investigación, un de transferencia e catro quinquenios; máis de 160 artigos en publicacións (110 en publicacións indexadas en JCR) e a dirección de 12 teses de doutoramento. Ademais, ten sido vicedecano da facultade, director de Área de Desenvolvemento de Infraestruturas do campus de Ourense e coordinador do Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento do Campus Auga, sendo na actualidade responsable do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental. A súa liña de especialización é a investigación en temas de aerobioloxía aplicada á saúde e á agricultura e ten sido investigador principal de numerosos proxecto de investigación tanto estatais como autonómicos e contratos de I+D.

“Decidín presentarme polo meu compromiso coa facultade”, explica o candidato. A pandemia, comenta, e as dificultades que xurdiron estes últimos anos debido a ela, “supuxeron anos moi duros” na xestión dos centros polo que había que “darlle un pouco de relevo ás persoas que estaban ata o de agora no decanato, que querían facer un impas”. Neste senso, o profesor pon en valor o traballo feito polo equipo decanal saínte, encabezado por Gil Garrote; as e os videdecanos Sidonia Martínez, Elena Martínez e Juan Carlos Nóvoa e a secretaria María José Pérez.

Potenciar titulacións e investigación

Sobre o centro que aspira a dirixir xunto a un equipo que, adiantou, estará formado por “xente que xa traballou moitos anos na facultade e que ten un compromiso grande con ela”, Rodríguez Rajo destaca que “é unha facultade cunha saúde moi boa, sobre todo a nivel investigador”. Neste senso subliña que “nunca se captaron tantos fondos para investigación como se está facendo nos últimos anos”, apuntando a consecución de proxectos de diferente ámbito territorial, desde europeo ata local. Igualmente recalca o recoñecemento acadado por persoal investigador en diferentes índices de referencia e ránkings. “Temos unha facultade que tanto a nivel docente como investigador está moi ben situada. Nela faise unha investigación de alto nivel”, afirma o catedrático da UVigo.

En caso de saír elixido, o candidato apunta que un dos seus retos principais sería “potenciar todos os títulos da facultade e a súa visibilidade no exterior para captar máis alumnado”, referíndose non só ás titulacións que poden ter maiores problemas de matrícula senón en xeral a todos elas. Do mesmo xeito, sinala o seu obxectivo de “facilitar o labor de investigación do profesorado” e “afianzar as novas infraestruturas”, como a futura planta piloto ou o xa existen invernadoiro. Neste senso, amosa o seu compromiso de “intentar pór a disposición das e dos investigadores os instrumentos que precisen para a súa investigación, investigación que nos fai estar nos ránkings, como o de Shanghai, en postos tan elevados”. Ademais, Francisco Javier Rajo aposta por “xestionar do mellor xeito posible esta pospandemia e intentar que o alumnado volva outra vez da mellor maneira posible ás clases presenciais, facilitar a súa interacción e co campus”. Por último, sinala cuestións como potenciar a integración da Facultade de Ciencias no proxecto Campus Auga e coa contorna e a súa internacionalización.