O centro ten convocadas eleccións para substituír a Montserrat Cruz
Francisco Javier Sánchez e Jesús Vázquez, candidatos a decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo
A votación celebrarase o día 7 de maio
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense ten convocadas eleccións para renovar o seu decanato, xa que a súa actual responsable, Montserrat Cruz, esgota agora os dous posibles mandatos e seis anos á súa fronte. Este martes fíxose a programación definitiva de candidaturas e preséntanse para ocupar o cargo de decano deste centro os profesores Francisco Javier Sánchez e Jesús Vázquez. A campaña electoral arranca este mércores e prolongarase ata o día 5 de maio, sendo a votación da Xunta de Facultade o día 7 de maio.
A proposta de Francisco Javier Sánchez
Francisco Javier Sánchez é profesor contratado doutor do Departamento de Organización de Empresas e Márketing, cunha traxectoria de 28 anos de docencia en diferentes titulacións. Dende 2016 foi vicedecano de Estudos de Grao e Relacións coa Empresa na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e súa investigación céntrase en turismo sostible transfronteirizo. O equipo co que se presenta, de continuidade co actual, propón a Juan Manuel de los Ríos para a secretaría e a Montserrat Cruz, Francisco Tugores e Vanessa María Suárez para os vicedacanatos.
A decisión de presentarse, apunta Francisco Javier Sánchez, prodúcese “por responsabilidade do equipo decanal saínte e actitude de servizo á facultade”. Así, detalla, “ademais de presentar un proxecto ambicioso e ilusionante para mellorar a facultade, temos unha acreditación institucional diante de nós, cunha compañeira de equipo moi implicada no proceso”.
Sobre as súas propostas para dirixir a facultade, o candidato sinala que “pretendemos mellorar o axuste e ligazóns dos graos en Administración e Dirección de Empresas e Turismo e programas conxuntos coas preferencias do alumnado de Educación Secundaria e as necesidades do mercado laboral”. Tamén aposta por “seguir liderando a internacionalización do campus dende a nosa facultade (medible en alumnado Erasmus, dobres titulacións internacionais, joint seminars ou International Week)”. Entre os retos e obxectivos “de continuidade e mellora acumulativa” propostos, Francisco Javier Sánchez cita “reforzar a docencia en inglés e afondar nas excelentes relacións cos equipos directivos das facultades e escolas de Dereito, Informática, Historia ou Enfermería, entre outras, co obxectivo de propor estudos de posgrao, cursos de especialización ou proxectos transversais que engadan valor á sociedade ourensá en termos de benestar e creación de postos de traballo”.
A proposta de Jesús Vázquez
Jesús Vázquez é profesor titular desde o ano 2003 no Departamento de Organización de Empresas e Márketing. Ten ocupado diferentes cargos de xestión académica, como decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo entre 2006 e 2008 e secretario da escola que precedeu ao actual centro. É membro do grupo de investigación OC2 Organización e Comercialización. O equipo co que se presenta propón a Trinidad Domínguez para a secretaría e a Mercedes Mareque, Elena Shakina e Manuel Mosquera para os vicedecanatos.
No seu caso, sobre a decisión de presentarse Jesús Vázquez apunta que xorde do desexo dun grupo de profesorado do centro que desexa “facer as cousas doutra maneira, dun xeito moito máis inclusivo e aberto á sociedade” e “ter unha facultade de todos e todas e para todos e para todas”.
Sobre o seu programa para dirixir o facultade, o candidato sinala que son tres as liñas de traballo principais que propoñen. “A primeira e fundamental é a captación de alumnado. Temos que establecer un plan de cara a captar estudantado non só da nosa provincia senón tamén do resto de Galicia e da contorna máis próxima a ela”, afirma. O segundo eixo é “potenciar a internacionalización e a calidade dos nosos estudos” e o terceiro “a posta en marcha de proxectos de innovación educativa”. O alumnado, subliña Jesús Vázquez, é o “eixo para todas as nosas propostas”, buscando ofrecerlle unha formación de calidade e de oportunidades “da que se sinta moi orgulloso” e que lle permita un bo desenvolvemento profesional. Por último, fai fincapé “na aposta clara por buscar novos apoios e nexos coa sociedade, tanto coas institucións públicas como coas privadas”, incidindo no establecemento de máis relación con grandes empresas.