DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor e filósofo ofreceu un relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución

Francisco Sampedro: “O Manifesto Comunista é máis válido para hoxe que para o tempo no que foi escrito”

Abordou a vixencia do pensamento marxista no bicentenario do nacemento do intelectual

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 07/11/2018

200 anos despois do nacemento de Karl Marx, o seu pensamento é “absolutamente actual” e o Manifesto Comunista “é máis válido para hoxe que para o tempo no que foi escrito”. Así o considera o profesor e filósofo Francisco Sampedro, xa que todas as “categorías preditivas de Marx vense agora plenamente demostradas, dende o mercado mundial, á concentración do capital, o triunfo do capitalismo financeiro, a proletarización da pequena burguesía, a especulación, etc. O docente ofreceu este mércores, na Facultade de Filoloxía e Tradución do campus vigués, un relatorio no que fixo un repaso pola actualidade do ideario marxista coincidindo co bicentenario do pensador. 

Sampedro repasou as bases do pensamento marxista, facendo fincapé no seu carácter “antitotalitario” e remarcando que “a sociedade comunista é a única na que o libre desenvolvemento dos individuos deixa de ser unha mera frase, na que o libre desenvolvemento de cada un é a condición par ao libre desenvolvemento de todos”, no que Marx definiu “a transición desde o reino da necesidade ao reino da liberdade”. Pero a idea central do relatorio do filósofo galego foi a “actualidade e necesidade” do pensamento comunista no século XXI, “xa que as condicións que o fixeron nacer non foron aínda superadas”, explicaba citando de Sartre. “O estoupido financeiro de 2008 fíxonos lembrar traumaticamente a súa diagnose sobre a expansión do capitalismo, con crises regulares e a súa intrínseca violencia física, simbólica e sistemática e asumir que, no fondo, as nosas democracias son ditaduras de clase”, explicaba. Sampedro lembrou que Marx dous séculos atrás xa se refería a temas que hoxe seguen sendo de actualidade, como a globalización, as desigualdades, a corrupción política, a monopolización, o progreso técnico, o devalo da alta cultura, a natureza neurótica da existencia actual, etc. Por iso, o pensamento marxista “non pode ficar obsoleto xa que o capital segue a rexer aínda as nosas vidas”. Na súa opinión, tras superar “o clima antimarxista dominante nas últimas décadas do pasado século”, cómpre reivindicar un Marx “liberado e reinterpretado tras a caída do socialismo real, capaz de ofrecer claves válidas para entender o mundo globalizado”. 

O hiperindividualismo do capitalismo

Unha das principais armas do capitalismo, explicaba Sampedro no seu relatorio, é o individualismo. “O capital soubo resistir o ataque da clase obreira anulando a súa consistencia e disgregando a súa construción; a empresa divide aos traballadores, creando competencias e rivalidades entre eles”, algo que xa adiantaba Marx no Manifesto Comunista, “é o divide e vencerás, a aposta por unha competitividade salvaxe e por enfrontar aos traballadores”. Exemplos actuais desta loita interna que debilita á clase obreira son, segundo Sampedro, o enfrontamento entre traballadores cualificados e non cualificados; eventuais e estables; empregados e parados; mozos e maiores ou estranxeiros e nativos. “É un todos contra todos, o neoliberalismo callou nas conciencias e a súa principal mostra é o hiperindividualismo, a hiperatomización que impiden as respostas colectivas e o estoupido social”, recoñecía o filósofo. 

Que facer coa herdanza de Marx?

Fronte a esta realidade, Francisco Sampedro coida que é preciso preguntarse que facer coa herdanza de Marx. “A palabra de Marx non contén só un sentido, senón tamén un chamamento, unha convocatoria de loita, unha decisión de ruptura e é necesario refacer o Manifesto Comunista diante de internacionalización do capital que chama a unha nova internacional obreira de traballadores, por riba das barreiras nacionais, pero mantendo a súa independencia”. Hoxe máis ca nunca, demanda o filósofo, “temos que considerar a posibilidade e necesidade de organizar a sociedade sobre unha base distinta á propiedade privada dos medios de produción, ao egoísmo de clase, á concorrencia sen límites e á guerra, que debuxan o panorama actual dunha regresión sen precedentes, dunha democracia letal”.