DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo indican expertos da Rede Localis no seu último documento de análise

Fronte ao despoboamento rural, a pandemia reforza o papel da actividade agrícola e gandeira

Os autores realizan unha serie de recomendacións no eido demográfico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 15/05/2020

A Rede Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, analiza no seu último documento o papel que poden realizar os concellos e deputacións para combater o despoboamento do rural. A abordaxe realízase nun momento no que, destacan, a pandemia COVID-19 ten reforzado o papel da actividade agrícola e gandeira. 

O traballo, titulado A problemática do despoboamento rural e o reto demográfico. Que se pode facer desde o ámbito local?, foi realizado por Virginia Losa, doutora en Dereito e secretaria de administración local, e Alberto Vaquero, profesor titular de Economía Aplicada na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e co-director da Rede Localis. Do documento, os seus autores destacan aspectos como que “España sofre unha sangría demográfica desde hai xa 40 anos”, que “o desenvolvemento da economía local dos municipios rurais debe ir máis aló do sector primario” e que “a escasa dimensión poboacional das entidades locais é un freo para a dinamización económica”.

Sobre a actual pandemia, desde a Rede Localis sinalan como a COVID-19 “permitiu volver a sinalar o importante que é a actividade agrícola e gandeira nunha situación de crise. Grazas ao traballo de empresas e profesionais que operan no medio rural púidose atender as necesidades da poboación confinada”. Así, subliñan, o acontecido “pon de manifesto a necesidade de apostar polo medio rural, á vez que se atenden aos seus retos demográficos, económicos e sociais”.

Análise do despoboamento

A “sangría demográfica” que se observa en España e que é analizada no documento da Rede Localis, indican desde a entidade, “lonxe de ser algo novo, vense producindo desde fai catro décadas”. Sobre ela, os autores do documento afirman que non existen receitas máxicas nin inmediatas para combater o despoboamento do rural, recalcando ademais que as actuacións, dada a ampla casuística de cada núcleo, non poden ser as mesmas. A resiliencia económica por medio do turismo rural, as segundas residencias e a existencia de recursos concretos ligados ao territorio, que incentiven determinadas actividades económicas, detallan, poden garantir a continuidade económica dalgúns municipios e, no mellor dos casos, uns mínimos poboacionais. “Porén, a maior parte dos núcleos rurais non son capaces de reter ou captar poboación nova, especialmente ao colectivo feminino e non nativos”, indican desde a Rede Localis.

Por outra banda, subliñan no documento os expertos, “os reducidos orzamentos municipais das entidades municipais rurais permiten, no mellor dos casos, contar durante un breve espazo de tempo con algo máis poboación, pero a un custo elevado”. Mesmo aínda que se consiga atraer poboación, engaden, “como se trata de municipios cunha taxa alta de envellecemento poboacional, as pequenas ganancias de poboación non cobren o elevado número de falecementos. Por tanto, as actuacións teñen que ir moito máis alá”.

Recomendacións 

Fronte a esta situación, os expertos da Rede Localis autores deste documento fan unha serie de recomendacións. En primeiro lugar, aconselllan “mellorar as expectativas laborais se se quere incrementar poboación e/ou proceder cun redimensionamiento da planta local, que garanta un mellor e maior abanico de servizos públicos de calidade”. En segundo lugar, indican que “é necesaria unha intervención coordinada desde as comunidades autónomas e as deputacións provinciais, que incremente as posibilidades de captación de poboación, sen que isto supoña un traslado de poboación entre municipios xa deteriorados demograficamente”. 

En terceiro lugar, e “dados os escasos recursos humanos e materiais da maior parte dos municipios rurais”, os expertos da rede “consideran necesario contar coas deputacións provinciais como entidades de referencia e liderado nas políticas de sostemento de municipios e entidades locais menores, atención á poboación rural e representación dos mesmos”. En cuarto lugar, sinalan desde a Rede Localis que “é preciso ser conscientes de que o desenvolvemento do rural depende de que as economías locais sexan capaces de ir máis aló do sector primario”. Finalmente, as recomendacións desta rede inclúen como convinte “aplicar políticas desde o ámbito local, xa que desta forma teranse máis en conta as necesidades reais da contorna e, ao mesmo tempo, permitirase un modelo de gobernanza moito máis aplicado e próximo aos elementos particulares de cada territorio”.