DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 'IV Internacional Performance Art Conference' celebrarase o 28, 29 e 30 de novembro

'Fugas e Interferencias' para dar protagonismo á arte de acción

O prazo de presentación de traballos remata o 18 de agosto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/07/2019

Analizar e reflexionar sobre os novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica. Con este obxectivo preséntase a IV Internacional Performance Art Conference. Fugas e Interferencias 2019. A cita celebrarase os días 28, 29 e 30 de novembro de 2018 nas cidades de Pontevedra e Santiago de Compostela.  

O congreso está organizado desde a Universidade de Vigo coa colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), recaendo a súa dirección en Carlos Tejo, artista e profesor da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, e Marta Pol, investigadora do Grupo Imaxes e Contextos da Universidade de Vigo e crítica de arte especializada en performance. Sobre Fugas e Interferencias, os seus responsables recalcan como “é o único congreso académico sobre esta disciplina no estado español e un dos poucos de Europa, se é que hai algún máis”, xa que, lembran, "a arte de acción, a performance, é algo moi restrinxido”. Neste contexto, Carlos Tejo sinala como o congreso persegue “fundamentalmente crear unha masa crítica de investigación e científica arredor desta disciplina, xa que non hai”. Así, apunta o profesor da Facultade de Belas Artes, “os estudos de performance a nivel académico, que naceron nos anos 90, si que xa teñen tempo e relevancia sobre todo en Estados Unidos, pero aquí, no estado español, non temos unha base científica consolidada arredor desta disciplina”. “Parecíanos interesante que este congreso fose o eixo para articular novas perspectivas a nivel académico sobre a arte de acción”, subliña Tejo.

Tres eixos temáticos

Desde a organización do congreso recalcan como o prazo de presentación de traballos está aberto ata o 18 de agosto. Segundo explican, “trátase dunha convocatoria aberta a artistas, teóricos/as e alumnado para a presentación pública de investigacións arredor da arte de acción desde unha posición aberta que presente múltiples perspectivas”. As persoas que desexen participar deberán expor unha reflexión que reflicta un estado de innovación na investigación teórico-crítica da linguaxe da arte de acción, "ofrecendo hipótese que axuden a anticipar o seu futuro”. As comunicacións, que deben ser orixinais e inéditas ademais de non estar pendentes de publicación, teñen que abordar algún dos tres eixos temáticos que estruturan o congreso. O primeiro deles é a reflexión teórica da arte de acción e nel tentarase “contrastar as distintas aproximacións teóricas sobre a arte de acción para darlles visibilidade e para poder construír un marco teórico con-textual”. O segundo eixo temático é o da acción e as súas interseccións, abordando “o carácter híbrido da arte de acción e como esta práctica evolucionou ata incorporar estratexias do teatro contemporáneo, o videoarte, a danza, etc”. O último dos eixos é as posibles interaccións entre a arte de acción e o contexto político, propondo investigar como “a arte de acción, desde enfoques e posicións moi diversas, pode traspasar os límites do poder establecido/dominante para xerar un discurso estético máis aló dos antagonismos”. Entre outras aproximacións, detallan, neste punto prestarase especial atención á natureza da arte de acción desde unha perspectiva de xénero, teoría e arte feminista e/ou queer.

O período de inscrición en Fugas e Interferencias 2019, que terá como idiomas oficiais o español, o galego e o inglés, comprende desde o 1 de setembro ao 25 de novembro de 2019, ambos inclusive. Á espera de conformar o programa desta edición cos traballos que se presenten, desde a organización do evento sinalan como a programación arrancará o día 28 no campus de Pontevedra, “con accións rúas, mesas, comunicacións e unha conferencia plenaria e despois trasladarase a Santiago de Compostela, ao Centro Galego de Arte Contemporánea”.