Este congreso internacional centrado na performance abre o prazo de presentación de traballos
Fugas e Interferencias prepara o seu décimo aniversario
Desenvolverase entre o 6 e o 8 de novembro en Pontevedra e Santiago
Co obxectivo de enriquecer a investigación académica sobre a performance, unha disciplina artística pouco abordada en España desde o punto de vista teórico, nacía hai unha década Fugas de Interferencias, da man do grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos, da Facultade de Belas Artes. Dez anos despois, este congreso internacional fixo posible a publicación de 118 estudos sobre arte de acción, asinados por investigadores e investigadoras de máis de dez países, nos libros de actas das súas diferentes edicións. “Quizais a continuidade do congreso sexa debida á capacidade de adaptarse ás necesidades intelectuais e artísticas de cada momento”, subliña o profesor Carlos Tejo, codirector, xunto coa investigadora e comisaria Marta Pol, desta International Performance Art Conference, que mantén aberto ata o 22 de abril o prazo de presentación de traballos para a súa décima edición. Co apoio tanto da Vicerreitoría do campus de Pontevedra como do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), esta desenvolverase entre o 6 e o 8 de novembro en Pontevedra e Santiago de Compostela.
Nacido, como sinala Tejo, “co propósito de proporcionar á comunidade artística e académica vinculada coa arte de acción un marco para debater a natureza desta práctica artística desde diferentes perspectivas”, Fugas e Interferencias mantén desde os seus comezos un formato de congreso que combina as conferencias plenarias e as mesas de presentación de investigación cun programa de perfomances, tanto de “artistas moi significativos neste campo” como de estudantado de Belas Artes. Ao mesmo tempo, este foro académico foi adaptándose ás necesidades dos investigadores e investigadoras, incrementando “gradualmente o número de membros do comité científicos”, integrado a día de hoxe por unha vintena de especialistas en performance de 14 universidades de España, Portugal, Polonia, Italia e Arxentina. Do mesmo xeito, á vez que mantén o seu obxectivo inicial de contribuír á análise dos “novos comportamentos” da arte de acción, co propósito de “ofrecer unha maior diversidade temática”, o congreso foi ampliando progresivamente os seus eixes temáticos, “a derivas concomitantes á práctica da arte de acción, incorporando aspectos como o comisariado ou as publicacións o que incidiu nunha maior participación”, apunta Tejo.
Mais, por riba de todo, o investigador recoñece como o principal fito destes dez anos de traxectoria “lograr ser e continuar sendo un referente na reflexión académica” sobre a performance. Non en van, trátase do único congreso centrado nesta disciplina en España, “e un dos poucos que hai en Europa” que dá como resultado un libro de actas indexado, que compila as achegas teóricas de cada edición, tanto as conferencias como as comunicacións seleccionadas polo comité científico, contribuíndo deste xeito “a enriquecer o contexto da investigación académica sobre a performance”. Ata a data, este labor posibilitou a publicación dun total de 118 artigos académicos sobre performance, asinados por investigadores e investigadoras de 44 universidades e centros de investigación de España, Portugal, Estados Unidos México, Reino Unido, Brasil, Grecia, Polonia, Francia e Chile, así como por artistas ou comisarios.
Cinco eixes de análise
“Seguimos traballando no congreso co mesmo compromiso e as mesmas expectativas e obxectivos que os establecidos en 2015”, engade Tejo, respecto da décima edición de Fugas e Interferencias, que mantén aberto ata o 22 de abril o prazo de presentación de resumos dos estudos que integrarán as súas diferentes mesas de presentación de comunicacións. Estas deberán abordar un dos cinco eixes temáticos recollidos na convocatoria, como a reflexión teórica da arte de acción ou as súas “interseccións” con outras disciplinas, ámbito que permite pór o foco en como esta práctica evolucionou para incorporar elementos da videoarte, do teatro ou da arte contemporánea, así como na súa relación co ámbito pedagóxico. Outra das liñas céntrase nas “posibles interaccións” da performance co contexto político, prestando especial atención á perspectiva de xénero, á teoría e arte feminista ou as novas masculinidades. Finalmente, as investigacións poderán centrase tamén no comisariado de performance e coas publicacións relacionadas con esta disciplina.