DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sexta edición do único congreso sobre performance terá lugar do 30 de setembro ao 2 de outubro

‘Fugas e Interferencias’ prepara a súa edición de 2021 co obxectivo de volver á presencialidade

Ata o 4 de abril permanece aberto o prazo de presentación de comunicacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/03/2021

A covid-19 obrigou o pasado ano a que a quinta edición do congreso internacional sobre arte de acción Fugas e Interferencias tivese que mudar o seu formato habitual, que combina a presentación de investigacións cunha serie de performances, e limitarse a selección dunha serie de estudos, que serán recollidos no seu libro de actas. Mais, se a situación sanitaria o permite, o congreso organizado polo grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos da Facultade de Belas Artes, coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), buscará retomar neste 2021 o seu formato presencial. Entre o 30 de setembro e o 2 de outubro terá lugar a sexta edición do que é o único congreso centrado na performance que se leva a cabo en España e para o que a organización mantén aberto ata o 4 de abril o prazo de presentación de resumos de cara a selección das comunicacións que integrarán as súas mesas temáticas.

“Retomar o formato presencial parécenos fundamental”, salienta o profesor da facultade Carlos Tejo, director, xunto coa investigadora e crítica de arte Marta Pol, desta VI International Performance Art Conference. “Se fose posible, gustaríanos retomar a estrutura global do congreso”, que cada ano ten como sedes a Vicerreitoría do campus e o CGAC, engade Pol, que non obstante pon de relevo que “neste momento é moi difícil saber que pasará en setembro”, polo que tamén contemplan a posibilidade de desenvolver o congreso de xeito virtual, “mantendo a mesma estrutura do presencial”.

Unha plataforma de análise e debate sobre a performance

No referido á importancia da presencialidade, Tejo pon o acento en que Fugas e Interferencias “pretende ser máis que un congreso académico e crear unha plataforma estable onde as persoas se atopen nun lugar próximo para discutir e reflexionar sobre a performance”. Nese senso, un dos obxectivos cos que naceu, como engade Pol, era o de contribuír a xerar “unha masa crítica” arredor da investigación centrada na arte de acción. “Creo que en España segue faltando unha reflexión crítica sobre a performance que si hai noutros países”, engade Tejo, que incide en que se trata “dunha disciplina que aínda segue na periferia”, polo que, a pesares de que “a palabra performance está en boca de todos, esta arte segue correndo o risco de non comprenderse”.

Nese senso, os directores de Fugas e Interferencias poñen de relevo a “transcendencia” que para o estudo académico desta disciplina teñen os libros de actas do congreso, “que presentan un panorama moi completo dentro da investigación en performance, con contribucións moi valiosas”. De feito, dada a situación sanitaria, a quinta edición do congreso centrouse na apertura dunha convocatoria de presentación de estudos, “na que batemos todos os récords” e trala que foron seleccionados os doce artigos o libro de actas que se publicará proximamente. 

A presentación de resumos, ata o 4 de abril

De cara a esta sexta edición a organización mantén aberto ata o 4 de abril o prazo de envío de resumos das investigacións que optarán a formar parte das diferentes mesas do programa e do novo libro de actas. As propostas deberán centrarse nun dos catro eixos temáticos do congreso; a reflexión teórica sobre a performance, o seu carácter “híbrido” e as súas “interseccións” con outras disciplinas, as súas potencialidades para abordar cuestións de xénero e interactuar co contexto político e o comisariado da arte de acción. Esta última, un “campo especialmente relevante e pouco investigado”, como sinala Tejo, que se incorporou por primeira vez como eixo de análise na pasada edición.