DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fundación Caixa Galicia e a Asociación de Xornalistas de Galicia convocan os premios de investigación en comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 08/01/2008

Ser orixinais e inéditos son os dous requisitos cos que deben contar os traballos xornalísticos de investigación que desexen optar ao premio que convoca a Fundación Caixa Galicia en colaboración coa Asociación de Xornalistas de Galicia. Trátase dun certame aberto a traballos, dun ou varios autores, que indaguen na comunicación referida a calquera eido do medio ambiente e, polo tanto, non poderán ser recompilacións doutras obras senón que deberán estar realizados segundo métodos propios co obxectivo de facer algún descubrimento nesta área de coñecemento.
Os traballos, xa sexa en galego ou castelán, non deben superar a extensión máxima fixada, que se sitúa en cincuenta folios en letra de corpo doce e, ademais, non poden ter sido presentados noutras convocatorias de axudas ou premios de investigación.
O 31 de maio é a data establecida para o peche da recepción dos orixinais que, ademais de presentarse en soporte informático, deben enviarse á Fundación Caixa Galicia por quintuplicado cunha encadernación simple e con folios impresos por unha soa cara. As obras vencedoras, premiadas con 9.000 e 3.000 euros para a primeira clasificada e os dous accésit respectivamente, serán publicadas nas webs e medios impresos da APG e da Fundación Caixa Galicia.
O xurado encargado de valorar a calidade dos traballos, que estará composto por membros da organización e persoal cualificado das tres universidades galegas, poderá, en caso de ser necesario, declarar desertos os premios.