No XXII Curso de Medios Audiovisuais que terá lugar entre o 6 e o 10 de xullo
A Fundación Carlos Casares e a UVigo analizarán en Celanova a diversidade creativa do audiovisual galego
Coa participación de profesionais da interpretación, produción, guión, dirección e distribución
Celanova volverá acoller no mes de xullo o xa tradicional Curso de Medios Audiovisuais, CeMAC, que forma parte da oferta de extensión universitaria estival do campus de Ourense. A programación foi presentada este martes no Centro Cultural Marcos Valcarcel por Paulino Pérez, director do curso e profesor da Facultade de Comunicación; Antonio Puga, alcalde de Celanova; Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense; e Marcos Vázquez, director de Cultura da Deputación de Ourense.
O curso, organizado pola Fundación Carlos Casares en colaboración coa UVigo e patrocinado pola Deputación de Ourense e a Axencia Galega das Industrias Culturais, desenvolverase do luns 6 ao venres 10 de xullo no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC). Nesta edición, a número 22, analizarase o sector cultural do cine e o audiovisual a través do equipo técnico de filmes e series como Punto Nemo, Así chegou a noite, Leo & Lou... Ademais, haberá actividades adicionais, como unha exposición, un concerto e unha presentación dun libro sobre cinema, que marcarán as accións culturais na vila.
22 anos co audiovisual no rural
A Fundación Carlos Casares, a través da cátedra homónima que ten coa UVigo, leva dende 2024 desenvolvendo este curso que, cada verán, reúne na vila ourensá, profesionais do sector audiovisual para que analicen o seu labor cara a cara e en faladoiros directos coas persoas matriculadas no curso.
Na presentación desta nova edición, Marcos Vázquez, director de Cultura da Deputación de Ourense, destacaba que o CeMAC é “un proxecto común, exemplo de que as administracións, cando traballan xuntas, poden facer un produto de calidade”. Tamén recalcou que esta actividade leva implícito un “compromiso coa creatividade, coa cultura e co coñecemento e crea un lugar de encontro entre estudantes, docentes, profesionais e apaixonados do cinema”.
O delegado da Xunta, Manuel Pardo, engadiu que Celanova “é un lugar chamado a custodiar a memoria e a alimentar o futuro, unha terra de palabras e de pensamento” e remarcou que o audiovisual é “a narrativa do noso tempo”. Neste sentido, salientou que máis aló de “pasar pantallas e ver vídeos”, cómpre “analizar as novas tendencias, os novos formatos e, sobre todo, ter en conta a mensaxe que se quere transmitir”, aspectos todos eles que forman parte do programa do curso.
Pola súa banda, o alcalde de Celanova amosou a súa satisfacción por acadar a 22 edición dun curso polo que pasaron neste tempo máis de 1000 inscritos e inscritas e máis de 400 profesionais do audiovisual que, co paso dos anos, foron abordando “temas como os novos formatos e pantallas, a crise da creatividade ou a identidade e perspectiva de xénero”. O rexedor tamén agradeceu ás entidades organizadores que sigan apostando pola vila ourensá como sede, xa que lles sería “máis doado organizar este curso nunha cidade grande”.
Diversidade e diferentes perspectivas
Paulino Pérez, director do curso, foi o encargado de debullar os detalles dunha edición que leva por título Audiovisual galego. Diversidade creativa e que achegará a Celanova diversos perfís profesionais artísticos e técnicos de películas, series e curtas como Punto Nemo, Así chegou a noite, Leo&Lou, Bispos, Alucinema, Pura... todas elas obras audiovisuais de produción recente.
Entre os perfís relacionados co sector, acudirán profesionais da interpretación como Felipe Pizarán ou Raquel Meleiro; de produción, como Alba Gallego ou Rocío Casal, de guión e dirección como Carlos Solano, de distribución, con Milo Baños, e de comunicación, con Julia Sánchez. Ademais dos filmes, haberá espazo para unha máster class sobre dirección de actores e actrices, impartida por Raquel Meleiro e Paulino Pérez.
Actividades para a cidadanía
Como parte da colaboración entre a organización e o Concello de Celanova, durante o CeMAC desenvolveranse varias actividades na vila abertas ao público. Por unha banda, presentarase o libro Viaje cinematográfico por Galicia. Una retrospectiva emocional (1896-1939) de Emilio Carlos García nos xardíns do hotel Acouga, o 6 de xullo ás 19.15 horas. Ademais, o martes 7 de xullo ás 19.15 horas no claustro do mosteiro terá lugar a inauguración da exposición Carlos Casares e a fotografía e na noite do xoves 9 terá lugar o concerto do Hércules Brass e Falling, grupo musical composto en parte por alumnado da UVigo. O venres presentarase Entre acto, a curta do taller desenvolvido en outubro do ano pasado que foi rodada en Vilanova dos Infantes e na Virxe do Cristal. A clausura do curso correrá a cargo de Álvaro Augustin, director xeral de Telecinco Cinema e produtos de películas como Celda 211.
Matrícula ata o 29 de xuño na plataforma Campus Activo
A matrícula no curso está aberta ata o 29 deste mes de xuño a través da plataforma Campus Activo da Universidade de Vigo. O prezo é de 19 euros para as persoas con vinculación á Universidade de Vigo e 30 euros para o resto da cidadanía. Ademais, quen o precise pode optar a transporte e albergue gratuítos, contactando no correo da Fundación Carlos Casares unha vez se matricule (fundacioncarloscasares@gmail.com).
