DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Xunta abordaron os futuros uso do edificio de Benito Corbal

A futura sede do Campus Crea S2i acollerá espazos destinados á docencia, emprendemento e cultura

A institución académica disporá de catro plantas neste inmoble

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 26/06/2018

Preto de 1200 metros cadrados distribuídos en catro plantas é o espazo do que a Universidade de Vigo disporá, unha vez rematen as obras de reforma que actualmente está a acometer a Xunta de Galicia, no antigo edificio administrativo da administración autonómica en Benito Corbal, cuxo plan de usos por parte de institución académica abrangue espazos destinados á docencia, ao emprendemento e a cultura, así como un área específica para o Campus Crea S2i, que terá neste inmoble a súa sede institucional. Os futuros usos destas catro plantas foron abordados este martes na na sede da Xunta na cidade nunha xuntanza na que participaron o reitor, Manuel Reigosa; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; así como os vicerreitores do campus de Pontevedra, Jorge Soto; Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés; e Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, así como o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Un plan de usos para estar máis presentes na cidade

“A colaboración da Xunta de Galicia vainos permitir ter un espazo para achegarnos á sociedade e estar moito máis presentes na cidade”, salientou Reigosa antes do inicio dunha reunión que, como explicou o vicepresidente da Xunta, tiña como obxectivo “pechar definitivamente” o que vai ser o edificio de Benito Corbal na parte que se dedica á Universidade”. O reitor explicou nese senso que a proposta que se abordou nesta reunión incluía “algún pequeno cambio con respecto ao plano de usos inicial”, dirixida a definir “un espazo moito máis flexible que nos vai permitir tanto usos relativos á docencia, á investigación e a innovación e tamén á formación permanente, que é unha inquedanza que temos como equipo reitoral”, a de promover a formación ao longo da vida da cidadanía, “tanto para os nosos egresados como para a xente que aínda non participou na Universidade”. 

Alfonso Rueda lembrou que se trataba dun proxecto abordado xa co anterior equipo de goberno da institución académica, polo que amosou a súa satisfacción con que o novo equipo “non só confirme este proxecto, senón que achegue novas ideas”. O vicepresidente da Xunta expresou nese senso o seu desexo de que eses usos que á Universidade dará a un edificio do que a institución académica contribúan a facer deste un “edificio emblemático” que sirva tamén “buque insignia” do labor que a institución académica desenvolve na cidade. Nese senso, Rueda incidiu na importancia de “tomar decisións definitivas” respecto de “como teñen que quedar as dependencias definitivamente” co propósito de que as obras poidan completarse no prazo previsto do primeiro trimestre do ano 2019. O conselleiro Román Rodríguez, pola súa banda, incidiu tamén na oportunidade que esta reforma supón á hora de “transformar un vello edificio administrativo por unha sede universitaria que vai ter un interese importante para a dinamización cultural e educativa da cidade”, e que vai contribuír a institución académica “cumpra co seu papel de axente social e económico de primeira orde”. 

Catro plantas nas que primará a polivalencia e flexibilidade


 

Xunto as espazos destinados a colectivos e asociacións e ás oficinas de emprego da cidade, o edificio de Benito Corbal contará con catro plantas destinadas á institución académica cuxos usos e distribución, nos que primará a polivalencia e flexibilidade, foron abordados nesta xuntanza. Concretamente, segundo explica o director da Área de Infraestruturas do campus, a quinta planta estará destinada á área de cultura, articulándose en “dous grandes espazos”, orientados “á divulgación da cultura en todas as súas expresións que poidan combinarse como un grande espazo global, a través dun tabique móbil e aos que se suman as áreas de recepción e almacenaxe. 

A área académica será o eixo da sexta planta, “onde se distribúen diferentes espazos de traballo máis reducidos”, pensados para 25 ou 30 persoas, xunto con zonas de xestión, salas de reunións e unha sala de videoconferencias, “xa que un obxectivo importante é ofrecer formación continua e formación online”. O emprendemento e captación de talento centrarán os contidos da sétima planta, que contará “cun espazo aberto con zonas de traballo polivalentes que permitan reaxustarse se nun determinado momento hai que facer un traballo de forma colectiva ou un coworking”. Para iso, este espazo dotaríase tamén dun tabique móbil, así como dunha sala de reunións é un espazo con dobre altura, que a conecta co oitavo andar, o destinado especificamente ao Campus Crea S2i. Esta planta acollerá a área de dirección e coordinación do proxecto de especialización, xunto con “espazos polivalentes” que contribúan a unha formación “moito máis aberta e individualizada de todos os alumnos”, así como unha área de virtualización destinada á elaboración de “material online” por parte da comunidade universitaria.