DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun taller do proxecto Climability, centrado no desenvolvemento do pensamento sistémico

Futuras e futuros docentes fórmanse nos efectos sobre o planeta do actual modelo alimentario

Previamente, afondaron na desinformación sobre o cambio climático

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/04/2026

Financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e coordinado por persoal investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o proxecto Climability ten entre os seus obxectivos dotar aos futuros e futuras docentes que se forman neste centro de competencias clave para abordar nas aulas o cambio climático. Nomeadamente, a investigación coordinada polo profesor Uxío Pérez busca promover o desenvolvemento do pensamento sistémico, co propósito de que comprendan que no cambio ambiental global interveñen múltiples procesos, interrelacionados entre si. Con esa idea, a facultade acolleu un taller que conecta o desenvolvemento de competencias sostibles coa alimentación. Impartido por representantes da ONG Amigas da Terra, esta actividade pon o foco na pegada social e ambiental do modelo alimentario e viuse precedida por outro obradoiro centrado na desinformación arredor do cambio climático.

Promovido co apoio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, o taller A dieta climática como contexto para desenvolver competencias sostibles levouse a cabo en catro sesións, este martes e xoves, dirixidas a alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. O seu obxectivo era analizar o impacto ambiental da alimentación e foi impartido por Sabela Durán e María Rubio, da organización ambientalista Amigas da Terra, unha das entidades colaboradoras do proxecto Climability.

Aposta pola “dieta climática”

De onde vén o que comemos? Esta foi a pregunta coa que Durán e Rubio abrían este xoves un seminario, presentado pola profesora María Lorenzo, no que puñan o foco nas consecuencias sociais e ambientais do actual modelo alimentario. As conferenciantes sinalaron que a industrialización da agricultura e a gandería provocou “que milleiros de agricultores perderan o seu emprego”, así como perda de fertilidade dos solos, desertificación ou contaminación das augas. “O 37% dos gases de efecto invernadoiro a nivel mundial proveñen da agroindustria”, salientou Rubio, quen avogou por “sistemas agroalimentarios que teñan en conta a saúde da poboación e do planeta”. A alternativa proposta desde Amigas da Terra é o que denominan “dieta climática”, sustentada tanto na aposta por prácticas agroecolóxicas como en “cambios nos patróns de consumo”. 

Nese senso, convidaron ao alumnado a coñecer a pegada ecolóxica da súa alimentación a través da ‘calculadora’ que esta ONG incorporou á súa web sobre a dieta climática, co propósito de amosarlles tanto a “pegada ecolóxica” do que consumen como a redución que un cambio de alimentación podería supor tanto en emisións de CO2 e no consumo de combustibles fósiles, como no uso da terra. Baseada nun aumento do consumo de legumes, froitas e verduras e nunha redución do de carne e azucre, esta dieta climática aposta polos produtos de proximidade, os alimentos de tempada e os cultivos a pequena escala. “O 99% dos alimentos necesarios para a poboación de todo o país poderían producirse en territorio español”, salientou Rubio, nunha actividade que, con ese obxectivo de afondar no papel da agreocoloxía, completouse cunha presentación e cata de produtos por parte de A horta do Cadaval.

Desinformación e pensamento sistémico

Esta iniciativa viuse precedida nestes días por un taller que conectaba o cambio ambiental global coa desinformación e que, co obxectivo tamén de traballar con diferentes grupos de alumnado, realizouse catro sesións. Impartido por Roi Guitián, da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), este obradoiro buscou en primeiro termo afondar nesta problemática, coñecer diferentes tipos de desinformación, como as loiadas ou as fake news, os seus mecanismos e a importancia que ten neste eido a alfabetización mediática. Partindo deste marco, Guitián presentoulles unha serie de exemplos de “negacionismo” e teorías da conspiración conectadas co clima, como os que se difundiron tras a Dina que afectou ao Levante no 2024. O seu obxectivo era “ilustrar como a desinformación pon en risco a saúde a seguridade”, para logo abordar co alumnado unha serie de pautas para recoñecela. Ao mesmo tempo, detívose no greenwashing arredor do modelo alimentario, amosándolles como “a desinformación climática no norte permite que se manteñan modelos de consumo que esgotan os recursos no sur global”

Este taller inseríase tamén no obxectivo do proxecto Climability de promover accións favorezan a abordaxe das problemáticas ambientais desde unha perspectiva sistémica e crítica. Ao mesmo tempo, tratábase dunha actividade promovida polo proxecto de innovación educativa Arte, ciencias e matemáticas: a exposición como espazo didáctico multidisciplinar, financiado pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Coa profesora Iciar Ezquieta como investigadora principal, trátase dunha iniciativa que busca contribuír ao desenvolvemento das competencias científica, matemática e artística do estudantado, a través da posta en marcha dun conxunto de actividades interdisciplinares ao longo de 2026.