DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con ata dez bolsas de 4000 euros para proxectos artísticos que partirán dos TFG

‘Future Stories’ busca impulsar as carreiras profesionais dos novos titulados e tituladas en Belas Artes

Esta iniciativa está financiada pola promotora da exposición ‘Peter Lindbergh: Untold Stories’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/06/2022

A finais de 2021, a Universidade de Vigo e a promotora da exposición Peter Lindbergh: Untold Stories, Marta Ortega Pérez, asinaron un protocolo de colaboración, traducido posteriormente nun convenio, que tiña como obxectivo promover a arte emerxente en Galicia a través de Future Stories, proxecto ao que se destinarían os ingresos xerados por esta exposición a través da venda de merchandising e das achegas dos visitantes. Despois de que a mostra dedicada ao lendario fotógrafo recibise máis de 110.000 visitantes, Future Stories permitirá outorgar ao alumnado da facultade ata dez bolsas de 4000 euros para o desenvolvemento dun proxecto artístico a partir dos seus Traballos de Fin de Grao (TFG). Os resultados finais reuniranse, ao longo deste 2022, nunha mostra que terá lugar nun “espazo expositivo de referencia”, como recolle a convocatoria destas axudas.

Ata o 30 de xuño dispón de prazo o alumnado para presentar os seus proxectos a unha convocatoria que nesta xornada facía pública a súa imaxe gráfica e á que poden concorrer as e os estudantes da Belas Artes matriculados no TFG no presente curso. Segundo recolle a resolución da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria pola que se convocan estas bolsas, as e os interesados deberán presentar, a través da sede electrónica da UVigo, a memoria do seu TFG, “na que se especifiquen en todos os termos as ideas do seu proxecto, así como un completo e detallado dossier de imaxes das obras cos resultados finais obtidos” e un breve currículo. 

Unha aposta que “prestixia á facultade”

A través destas axudas, o proxecto Future Stories busca “impulsar e promover as carreiras dos estudantes de último ano do grao en Belas Artes”, centrándose nos seus traballos finais, que constitúen “o proxecto individual máis persoal do estudantado e tamén o último elo académico previo á súa vida profesional”, como se destaca na convocatoria. Con este propósito, o proxecto abrangue, ademais da concesión das bolsas, unha “fase de exposición colectiva” nun espazo de referencia e a edición dun catálogo “que reunirá o conxunto dos proxectos”. 

Como “a mellor nova con diferencia” dos tres anos que leva á fronte desta facultade define Future Stories o seu decano, Xosé Manuel Buxán. “Que a presidenta dunha das compañías galegas con maior proxección mundial se fixe en nós e aposte decididamente por nós, polo noso alumnado, é unha nova que prestixia á facultade”, salienta Buxán , que lembra que, alén das bolsas, esta “aposta total e absoluta continúa” co impulso dunha exposición “nun lugar de prestixio da comunidade autónoma, ademais da publicación dun catálogo”. De aí que o decano subliñe que “imos intentar cumprir coas expectativas o máximo, tanto por parte do alumnado, como do profesorado que coordina os traballos de fin de grao e do xurado cualificador”.

Este estará composto por Buxán, as profesoras María Covadonga Barreiro e Chelo Matesanz, o crítico de arte Ramón Rozas e unha persoa en representación da promotora do proxecto. A súa avaliación basearase en criterios como a orixinalidade da obra, o seu interese conceptual e temático ou a súa calidade formal e técnica.

O resultado de Untold Stories

Emprazada nunha zona industrial adaptada para este proxecto no porto da Coruña, Peter Lindbergh: Untold Stories propuña un percorrido polas catro décadas da extensa carreira deste fotógrafo, a través de máis de 160 fotografías, realizadas entre a década de 1980 e 2018, durante as que inmortalizou a algunhas das mulleres máis famosas do mundo da moda e do cine. Comisariada polo propio Lindbergh antes do seu prematuro falecemento, esta exposición chegou a Galicia grazas ao empeño persoal de Marta Ortega Pérez, amiga do fotógrafo, e a colaboración da Lindbergh Foundation. Untold Stories foi visitada por máis de 110.000 persoas entre o pasado decembro e a data da súa clausura, o 31 de marzo.