DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola delegación de estudantes, co patrocinio do Consello Social

O futuro académico e profesional do alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte centra unhas xornadas formativas

Con relatorios sobre prácticas e TFG ou sobre saídas laborais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/04/2022

Organizadas por estudantes e para estudantes, Ciencias de Educación e do Deporte acolle unhas xornadas dirixidas a afondar en diferentes aspectos aos que o alumnado das diferentes titulacións da facultade terá que enfrontarse tanto no treito final da súa etapa académica como no inicio da súa traxectoria profesional. Desde como realizar o traballo de fin de grao ás diferentes opcións para realizar prácticas externas, pasando pola preparación de oposicións, a educación emocional ou diferentes factores que inflúen no rendemento deportivo forman parte deste ciclo de relatorios organizado pola delegación de estudantes, coa colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo. 

Trátase, como sinala Isabel Noya, presidenta da delegación, dunhas xornadas abertas ao público e que buscan poñer o foco en diferentes cuestións relacionadas coa práctica profesional dos titulados e tituladas en Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Xunto a Noya, o vicerreitor do campus, Jorge Soto; o decano, Óscar García, e a vicedecana de Prácticum e TFG, Begoña Paz, participaron este martes na inauguración destas Xornadas de Formación, que teñen "a fortaleza de que son os alumnos e alumnas os que deciden que tipo de formación queren”, tanto co propósito de “cimentar” aspectos que xa viron nas aulas como de “descubrir novas canles no coñecemento”, salientou o vicerreitor.

“Ás veces, aos profesores preocúpanos moito o currículo que lles damos aos nosos alumnos, as materias, o que cremos que deben aprender para exercer profesionalmente e olvidámonos de que o estudante ten as súas preocupacións, as súas preguntas...", engadiu Óscar García”. Nese senso, lembrou o decano, esta actividade pon o foco en “cuestións que non aparecen de forma explícita no currículo”, pero que responden tamén aos intereses do alumnado, desde cara onde orientar a súa carreira a que tipo de requisitos deben cumprir para optar a un determinado posto de traballo. Nesa mesma liña, Paz puxo de relevo que “a propia organización” deste evento “é unha aprendizaxe”, así como o interese de que este se centre “no que lles vai suceder nos próximos cursos, cando afronten a parte práctica e profesional da carreira”. 

Dos suplementos deportivos á educación emocional

Presidenta ata hai unhas semanas da Asemblea Nacional de Estudiantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Anecafyde), Isabel Noya foi a encargada do primeiro dos relatorios, que centrou na súa experiencia na realización do traballo de fin de grao. Nunha primeira xornada máis orientada á actividade física, a actividade continuou cunha conferencia da nutricionista Alejandra Piñeiro sobre suplementos alimenticios para deportistas. Na súa intervención, Piñeiro buscou en primeiro termo achegar aos e ás asistentes diferentes “fontes fiables de información”, ás que recorrer para coñecer os posibles beneficios que pode ter un suplemento para unha práctica deportiva concreta.

Nun segundo bloque, centrouse xa nos casos concretos “dalgúns dos suplementos máis utilizados e que máis evidencia científica teñen”, como a creatina, “que axuda sobre todo aos deportistas de forza e potencia”. Non obstante, esta nutricionista sinalou en primeiro termo a necesidade de ter en conta que “dentro na nutrición dun atleta, hai moitas outras cousas que deberíamos tratar de controlar e optimizar” antes dos suplementos. Nese senso, puxo énfase na importancia da evidencia científica á hora de “elixir un bo suplemento”, tendo en conta que un uso inadecuado podería dar lugar a contraindicacións que van desde que prexudiquen o rendemento en lugar de melloralo ata “danos para a saúde”, ao que se suma “que poidas dar positivo nun control de dopaxe”. 

A continuación, as saídas profesionais dos titulados e tituladas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte centraron un coloquio co decano, sucedido por unha conferencia do estudante de doutoramento da Universidade do País Vasco Aitor Zabaleta sobre a hipertrofia rexional do músculo, “unha técnica do adestramento da forza que busca aumentar o volume muscular”, explica Noya, que lembra que Zabaleta centra nesta técnica un perfil de Instagram con máis de 50.000 seguidores. Este primeiro día da actividade contou tamén cun relatorio do profesor Pedro Vicente Vila sobre o uso da gamificación nos contidos formativos sobre actividade física e saúde e cunha conferencia sobre educación emocional da tamén docente da facultade Laura Redondo. Por último, esta tarde ten lugar un relatorio do egresado da Universidad Europea de Madrid Rodrigo Yagüe sobre deporte e discapacidade, centrado na súa experiencia como alumno en prácticas na Federación Española de Deportes de Persoas con Discapacidade Física. 

O ensino centra a xornada do mércores

Como explica Noya, a segunda xornada deste ciclo “centrarase máis no ámbito da educación” e abrirase cun coloquio co profesor da facultade e investigador principal do grupo Remoss, Roberto Barcala, sobre primeiros auxilios en centros educativos e deportivos, tras o que terá lugar un taller de educación sexual, orientado a futuros e futuras docentes, a cargo da psicóloga Laura Marcilla.

A continuación, o ciclo achegarase á experiencia con "pedagoxías alternativas" do CPR Neuropsicopedagóxico O Pelouro de Tui, para logo pór o foco no prácticum nos graos en Educación Infantil e Primaria. A profesora da facultade Mercedes Varela, a mestra de primaria Carina Romero e a titulada en Educación Infantil Zeltia Pino protagonizarán unha mesa redonda dirixida a afondar “nos criterios que deberían seguir os estudantes á hora de elixir un centro” para as súas prácticas e “resolver as súas posibles dúbidas”, explica Noya. Por último, as xornadas péchanse cunha conferencia sobre preparación de oposicións a cargo de Rubén Annichiarico.