DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 350 escolares presentan as súas investigacións no evento final de Pontenciencia

O futuro da ciencia congrégase na EE Forestal

A programación da feira complétase con máis de 20 talleres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 08/05/2026

Preto de 350 estudantes de trece colexios e institutos da localidade presentan na Escola de Enxeñaría Forestal os resultados das investigacións que realizaron nos últimos meses, diante duns comités integrados por preto dunha trintena de investigadores e investigadoras da UVigo e do CSIC. Fano na XIII Feira da Miniciencia, evento final do programa Pontenciencia, promovido polo Concello de Pontevedra, co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e co apoio, entre outros, da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Tras promover 43 obradoiros nos diferentes centros educativos, a 13 edición deste programa dirixido a achegar o método científico ao alumnado de primaria e secundaria complétase este venres e sábado cunha feira que combina a presentación de 27 investigacións con máis dunha vintena de talleres e actividades divulgativas. 

A investigación sobre instrumentos musicais e sobre a obra de Alfonso X o Sabio do alumnado do CEIP A Xunqueira II, o estudo sobre os organismos existentes na auga do colexio Calasancio ou a análise da cantidade de azucre presente nas bebidas do CEE Pontevedra son tres dos once proxectos realizados por estudantes de oito centros de primaria, na categoría de Ciencia no Cole. Na mañá deste venres, correspondeulles presentar o seu traballo aos comités científicos, presididos pola profesora da EE Forestal Purificación Marcet. Así mesmo, amosaron os resultados dos seus experimentos ao concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, e á directora da escola, Ángeles Cancela, na apertura dunha feira que se clausura no mediodía deste sábado coa entrega de premios aos mellores proxectos nas diferentes categorías.

“A nosa misión como Universidade é servir á sociedade, polo que estamos encantados de ceder os nosos espazos para calquera tipo de evento, pero máis para un que ten que ver coa ciencia”, salientou Cancela, que lembrou tamén que Pontenciencia permite tanto que os nenos e nenas poidan coñecer as instalacións da escoala como “as investigacións que se fan aquí”. A directora da EE Forestal destacou tamén o potencial desta actividade como “unha forma de darlle visibilidade á ciencia entre as nenas”, nun contexto no que “cada vez hai menos” alumnas “que queiran estudar carreiras de ciencias e tecnolóxicas”. Nese senso, tanto as presentacións como os talleres que se desenvolven nestas dúas xornadas supoñen “unha boa forma de incentivalas desde pequenas e de que que coñezan as metodoloxías científicas e como se traballa”.

Tres categorías 

Aos once proxectos presentados na mañá deste venres por estudantes de 5º e 6º de primaria súmase a defensa, pola tarde, doutras dez investigacións, realizadas polo alumnado de cinco centros de secundaria, bacharelato e formación profesional. Neste caso, optarán aos premios Homenaxe á muller investigadora, galardóns aos que se engaden o destinado á mellor investigación en ciencias mariñas, promovido polo Centro Oceanográfico de Vigo, e os da modalidade de Ciencia en familia. Nesta categoría compiten outras seis investigacións, que se presentarán diante dos comités na mañá do sábado. 

Dúas xornadas para achegarse á ciencia

A programación desta Feira da Miniciencia complétase con máis dunha vintena de talleres e actividades divulgativas, que na mañá deste venres estaban dirixidos ao estudantado dos colexios participantes, mentres que as propostas previstas para este sábado estarán abertas á cidadanía. Entre elas atópanse varias iniciativas protagonizadas por persoal investigador da UVigo, como o taller centrado nas investigacións que na EE Forestal levan a cabo tanto empregando tanto imaxes dos satélites Sentinel como tecnoloxía LiDAR, da man da profesora Julia Armesto. Tamén nesta xornada, as e os escolares puideron achegarse, dun xeito práctico, ás diferentes aplicacións dos estudos que se imparten na Escola de Enxeñería Industrial, mentres que o sábado será posible coñecer o labor da asociación estudantil UVigo Space Lab. Así mesmo, este evento permitiu tamén ao estudantado participar nos retos do escape room científico Alerta Verde, promovido polo Cintecx e dirixido a que nenos e nenas se convertan en inspectores enerxéticos e resolvan os problemas ambientais dos seus centros. A feira conta tamén coa participación do alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM), que impartirá tres dos obradoiros este sábado, Todo é ciencia, Quebracabezas científico e O ximnasio da mente.