DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 350 escolares participan na EE Forestal na fase final de Pontenciencia

O futuro da ciencia exhíbese no campus

Alumnado de primaria e secundaria e familias presentan 47 investigacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Visitas
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 31/05/2019

Preto de 350 alumnos e alumnas de nove centros de primaria da cidade participaron na mañá deste venres na Escola de Enxeñaría Forestal na presentación dos resultados dun total de 19 experimentos desenvolvidos nas aulas no que foi o arranque da Feira da Miniciencia, a fase final do programa Pontenciencia, que o Concello de Pontevedra promove xunto coa Universidade de Vigo co propósito de espertar o interese pola investigación científica entre as novas xeracións. A estes 19 proxectos súmanse as 20 investigacións realizadas por máis de 50 estudantes de cinco centros de secundaria e ás oito investigacións realizadas por nove familias para un total de 47 investigacións que serán presentadas na sexta edición dun evento que completa a celebración de máis dunha vintena de talleres e actividades.

A demostración de que refrescos e bebidas enerxéticas poden causar danos nos dentes realizada por alumnado do CEIP San Benito de Lérez, o estudo de como peso, forma e o tipo de fluído determinan a capacidade de flotar de diferentes obxectos realizado estudantes do CEIP Cabanas ou o proxecto de “prótese reciclable” realizado polo alumnado do CEIP Froebel, que partindo da análise dos danos que causan as minas antipersoa deseñou e programou unhas próteses que, con material de refugallo, reproducen os movementos dunha man, son tres exemplos dos proxectos que nenos e nenas defenderon nesta xornada diante do comité avaliador de Pontenciencia. “Estamos falando dos alicerces da ciencia do futuro”, sinalou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Educación, Carme Fouces, e o director da EE Forestal, Juan Picos, participou na inauguración desta Feira da Miniciencia. “Para nós é un evento moi importante, no sentido de que a Universidade quere fomentar as sinerxías coas escolas e institutos de Pontevedra”, engadiu Soto que destacou á implicación do profesorado cun evento no que aumentan neste 2019 os talleres organizados por representantes da institución académica. “É unha forma de que, desde as primeiras idades, os nenos se acostumen a investigar e profundar nas cousas e a empregar o método científico para chegar a unha conclusión”, engadiu Fernández Lores deste evento financiado pola Fundación para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Educación.

Achegar á cidadanía “ao que se fai na Universidade e nesta escola en concreto”, así como “reivindicar o espazo que ten o noso centro dentro do propio campus” foron dous dos aspectos salientados por Picos do que Pontenciencia significa para a EE Forestal. Coa colaboración da Federación de Serradoiros e Rematantes e da Axencia Galega da Industria Forestal, a EE Forestal contribuíu tamén nesta edición a organización de diferentes talleres nunha feira que, salientou, conta “coa implicación do profesorado, alumnado e de todo o persoal do centro, o que fai que pase a ser unha actividade esencial da escola”. 

Dous días, 47 proxectos

Un comité avaliador coordinado pola profesora da EE Forestal Purificación Marcet e integrado por máis dunha vintena de investigadores de diferentes centros do campus, da Escola Naval Milital e do CSIC encargárase de avaliar os experimentos que as e os participantes desenvolveron ao longo dos últimos meses nos seus centros. Os primeiros en facelo foron os nenos e nenas dos colexios San Martiño, San Benito de Lérez, Froebel, Sagrado Corazón de Pontevedra, San José, Cabanas, Sagrado Corazón de Placeres, Salvador Moreno e do Centro de Educación Especial de Pontevedra, que compiten na modalidade de Ciencia no cole. Pola tarde, chegará a quenda de máis de 50 estudantes dos institutos Luis Seoane, Xunqueira I, Xunqueira II e Sánchez Cantón e do CPR Sagrado Corazón, que optan aos premios de investigación Homenaxe á muller investigadora, na segunda edición na que este evento se abre, cun aumento da participación, á secndaria. O evento completarase o sábado coa presentación dos proxectos da modalidade de Ciencia en Familia e a entrega dos premios aos gañadores e gañadoras nas diferentes categorías. 

Simulación de incendios, telescopios, formación das praias...

A presentación dos diferentes proxectos vese complementada, tanto nesta xornada como na mañá do sábado, por unha serie de talleres, conferencias e actividades organizados coa colaboración de diferentes institucións e colectivos, como o obradoiro Formación, dinámica e composición de praias, organizado polo Campus do Mar coa participación coa participación do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental (Geoma) da Universidade, ou achegarse ao funcionamento de diversos tipos de telescopios nun taller promovido pola Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade xunto coa Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, que formará parte así mesmo da programación, aberta ao público, da mañá o sábado. Da man da EE Forestal, os e as asistentes a esta primeira xornada permitiron tamén participar nun taller taller que permitía ver os efectos dos lumes forestais a partires das imaxes tomadas polos satélites Sentinel e observar a relación entre o relevo e as canles de auga mediante un simulador de concas hidrográficas. Esta actividade repetirase de novo o sábado, ao igual que as visitas guiadas ao arboreto do campus, unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría dentro do proxecto Green Campus, na que nestas últimas semanas participaron máis de 300 escolares. 

Tamén o sábado, o Campus do Mar promove, coa participación da Facultade de Ciencias do Mar e da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, o taller Pesca Sustentable, no que as e os participantes poderán saber máis da distribución dos caladoiros e zonas de pesca onde faena a flota española. Así mesmo, o programa desta segunda xornada inclúe unha conferencia do responsable do Agrupación Aeorespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado e o taller Detectives das fotografías, no que docentes da Área de Expresión Corporal de Ciencias da Educación e do Deporte analizarán con nenos e nenas como as fotografías que lles rodean contribúen á construción da feminidade e masculinidade hexemónica.