Nun proxecto de innovación educativa da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
O futuro profesorado “aprende a observar” para innovar no seu labor docente
A través de talleres centrados na xeometría ou na ilustración
“A observación transcende á simple mirada. Require examinar as entidades cunha perspectiva específica, que permita vincular os diferentes factores observados dentro dun marco de coñecemento, construír ideas e expor novos problemas”. Esta idea constitúe o punto de partida dun proxecto de innovación educativa da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que conecta a didáctica das ciencias experimentais, das artes plásticas e das matemáticas, co propósito de que os futuros e futuras docentes que se forman no centro “sexan capaces de deseñar, planificar e avaliar procesos de ensino e aprendizaxe innovadores”, como sinalan os seus promotores. Con ese obxectivo, ao abeiro deste proxecto desenvólvense talleres como o que levou o alumnado do Grao en Educación Primaria a formarse en como ensinar xeometría a través da manipulación de obxectos ou o obradoiro sobre como potenciar esa capacidade de observación a través da ilustración.
“O obxectivo é traballar a observación, obrigarte a ver”, subliña Uxío Pérez, investigador principal dun proxecto seleccionado na convocatoria de innovación educativa da facultade para 2024 e no que participan trece docentes de diferentes áreas. Baixo o título de Aprender a observar a contorna para desenvolver o pensamento artístico, matemático e científico, o proxecto busca achegar o alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria unha serie de experiencias educativas, que lles permitan “reflexionar sobre certas prácticas de aula para innovar e mellorar o labor docente”. Estas teñen como punto de partida a observación da contorna e o obxectivo de promover unha aprendizaxe interdisciplinar, que conecte as tres áreas do proxecto, xa que, como sinalan os seus responsables, “para potenciar a creatividade mediante a observación é importante recoñecer a interconexión entre a arte, a ciencia e as matemáticas”.
Observación e xeometría
Ao abeiro deste proxecto, os profesores de matemáticas Ixchel Gutiérrez e Marcos Loureiro promovían nos últimos días o taller Manipulando para descubrir a xeometría, que tivo como punto de partida un conxunto formas presentes en múltiples construcións e outra serie de creacións humanas. “O obxectivo é amosarlles que podemos explicar xeometría manipulando obxectos”, sinalaba o investigador da Universidade da Coruña Miguel Brozos, responsable de impartir un obradoiro que buscaba achegar o alumnado ás propiedades e características das superficies regradas de dos triángulos de Reuleaux. “Nos dous casos, o que facemos é construír obxectos que se poden manipular para entender as súas características e porque son útiles”, sinalaba este docente, que presentou “unha pequena colección” de pezas que representan superficies regradas. Estas, lembrou, “caracterízanse precisamente porque por por cada un dos seus puntos pasa unha recta”, o que motivou que unha das tarefas a desenvolver fose tratar de reproducilas nunha estrutura na que empregaban gomas para ir construíndo con liñas rectas as diferentes formas.
Observación e ilustración
Tamén ao abeiro deste proxecto, a profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais Mercedes Varela promovía esta semana o taller Cóntame como era. Observar, ilustrar e comunicar o descoñecido, no que o alumnado de Educación Primaria debía enfrontarse, explica, a dúas actividades que “melloren a nosa capacidade de observar, percibir e debuxar a nosa contorna”. Impartido por Luisa Martínez, da Unidade de Cultura Científica do CSIC, o obradoiro levounos por unha banda a tratar de ilustrar, explica, “algo descoñecido para eles, do que non tiñan referencias visuais previas”. Divididos en diferentes grupos, as e os participantes tiveron que realizar ilustracións de larvas de cangrexo ou de porcos mariños, valéndose nun dos casos dunha fotografía e, no resto, da ilustración que ían realizando os seus compañeiros e compañeiras. A continuación, Martínez propúñalles enfrontarse á situación contraria, crear unha infografía tomando como único elemento un círculo de cartolina. Facíano, como sinala, “sen ningunha referencia visual, polo que tiñan que buscar no aprendido e nas súas experiencias previas” e conectar “ese obxecto xeométrico coa natureza”. Nese senso, o obxectivo destas dúas propostas era amosar o alumnado como “a observación permítenos adquirir competencias, activar o pensamento e interactuar co mundo que nos rodea”.