DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas V Xornadas sobre Igualdade de Xénero e Dereito Mercantil

Futuros profesionais coñecen a situación actual e os retos de xénero na publicidade e nos consellos de administración das grandes empresas

As actividades arrancaron este martes e continuarán o mércores 20 en CC Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
D. Besadío DUVI 05/04/2022

Estudantes do Grao en Administración e Dirección de Empresas e do dobre-grao ADE-Dereito, xunto con numerosas avogadas e avogados en exercicio interesados na materia, asistiron este martes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais á apertura das V Xornadas sobre Igualdade de xénero e dereito mercantil, unha cita na que analizar, desde unha perspectiva crítica, a realidade das mulleres na publicidade e na composición dos órganos de decisión das sociedades de capital no contexto mercantil actual.

“O obxectivo é que coñezan os criterios aplicados para determinar si a aparición da imaxe da muller na publicidade é legal e que mecanismos teñen á súa disposición para reclamar ante unha publicidade ilícita que atente contra a muller con base na Lei Xeral de Publicidade”, explica a profesora de Dereito Mercantil Sara Louredo, coordinadora das xornadas xunto co profesor Pablo Fernández Carballo-Calero. O outro obxectivo básico desta actividade é que estes futuros profesionais coñezan a situación actual e os retos da diversidade de xénero nos consellos de administración das sociedades cotizadas españolas, con base na Lei de Sociedades de capital e noutras normativas sobre paridade e bo goberno nos órganos de administración. 

“No noso ámbito obsérvase, a pesares da existencia dunha corrente xeral de empoderamento feminino, un grupo de situacións desvantaxosas especialmente vulnerables para as mulleres”, recalca Louredo, quen fai fincapé en que “unha maior toma de conciencia cunha base xurídica só se pode producir desde un maior coñecemento das situacións e dos medios para remedialas”.

Menor tolerancia fronte a comentarios, slogans e mensaxes que ‘cousifican’ ás mulleres

A xornada arrancou coa intervención do avogado e catedrático de Dereito Mercantil da Universidad Complutense de Madrid Carlos Lema Devesa, que afondou no tratamento da imaxe da muller na publicidade española, examinando os casos máis relevantes que se presentaron ante os tribunais e ante o Xurado de Autocontrol da Publicidade. En xeral, segundo se explicou nas xornadas, entre os anuncios que presentan conflitos no ámbito dos dereitos humanos, atópase un importante número que se refiren á  imaxe negativa ou á cousificación que sofren as mulleres nos medios de comunicación. A preocupación do lexislador e dos xulgadores reflicte un cambio de aproximación a esta materia e unha desexable menor tolerancia fronte a comentarios, slogans e mensaxes publicitarias en xeral. 

A esta intervención sumaráselle o vindeiro mércores 20 de abril a da profesora da Universidade do País Vasco Elena Leiñena, que analizará a composición e funcionamento do consello de administración nas sociedades cotizadas para examinar, a continuación, as distintas normativas que promoven a diversidade de xénero e o seu impacto real na práctica empresarial en España.

Cofinanciadas pola Unidade de Igualdade e polo proxecto de investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades El derecho de la competencia y de la propiedad industrial: actualización, europeización y adaptación a la nueva economía, coa colaboración do Departamento de Dereito Privado, estas xornadas están enmarcadas no ciclo de actividades Igualdade de xénero e dereito mercantil, dirixido polos catedráticos Anxo Tato e Julio Costas.