DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Aguado, coordinador do proxecto, recolleu o premio outorgado polo Diario de Pontevedra

O galardoado co Pontevedreses 2012 orbita arredor da terra

O picosatélite galego XaTcobeo foi premiado na categoría de Investigación e Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 23/05/2013
a
“É para min unha honra recibir este premio en representación de máis de 60 alumnos, agora xa enxeñeiros, e máis de 20 profesores da Universidade de Vigo”. Con estas verbas agradecía Fernando Aguado, coordinador do proxecto XaTcobeo, o premio Pontevedreses 2012 na categoría Investigación e Universidade que outorga o xornal Diario de Pontevedra. O alumnado e profesorado das titulacións de Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñaría Industrial e Enxeñaría Informática viu premiado este xoves o traballo realizado nos últimos cinco anos para pór en órbita o primeiro picosatélite galego, un logro que converte a Galicia nun referente a nivel internacional en materia aeroespacial.

No acto de entrega dos galardóns estiveron presentes o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a ministra de Fomento Ana Pastor; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, entre outras autoridades. No auditorio tamén estiveron a presidenta do grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; o director de Ence Galicia, Antonio Casal; e o director comercial de Novacaixagalicia Banco, Gabriel González Eiroa.

Na recollida do galardón, Fernando Aguado estivo acompañado en todo momento por varios integrantes do equipo de investigación do XaTcobeo, como o profesor e vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, ou os investigadores Arno Formella, Óscar Rubiños e Francisco Javier Freire. Tamén quixeron estar nun momento tan emotivo algúns dos xa enxeñeiros que forman parte do proxecto como Alberto González, Daniel Docal, Gabriel González, Adriana Vázquez, David Patiño, Ricardo Tubío e Estela Conde.

Galicia, un referente a nivel mundial

Facendo súas as palabras do co-fundador de Apple, Steve Jobs, no seu discurso de graduación na universidade americana de Stanford, Aguado salientou que “o traballo enche gran parte da nosa vida e o único xeito de estar realmente satisfeito é facer o que consideramos un traballo xenial. E a única forma de ter un traballo xenial é amar o que facemos. Se aínda non o atopamos, temos que seguir buscando. Sen dúbida, nós somos afortunados, xa o atopamos”. Un traballo de investigación, o do XaTcobeo, que comezou sendo un proxecto principalmente educativo e rematou por converterse nunha realidade mundialmente recoñecida e avalada pola Axencia Espacial Europea (ESA).

Para o investigador da Universidade de Vigo este recoñecemento do Diario de Pontevedra dá boa mostra da capacidade innovadora deste país ao tempo que indica que Galicia é quen de realizar proxectos investigadores que transcendan máis alá das súas propias fronteiras. “Agora temos a responsabilidade e a oportunidade de que todo isto redunde no futuro do conxunto da nosa comunidade”, asegurou no Auditorio do Centro Social Novacaixagalica tras recibir o galardón Pontevedreses 2012.

O futuro, no campo aeroespacial

“Imaxinen como será a sociedade dentro de 10, 20 ou incluso 50 anos. Todos, sen dúbida algunha, temos a percepción de que o campo aeroespacial será aínda máis importante do que o é na actualidade”, aseguroulles aos demais premiados e asistentes á entrega de galardóns. Esta percepción está baseada, segundo o docente, en feitos obxectivos. O primeiro deles é que o sector aeroespacial é un dos poucos que aínda non se ten deslocalizado, “xa que a competitividade está sustentada no coñecemento e dende Galicia estamos traballando na dirección correcta”. O segundo, “que todo indica que o mercado, xa nesta década, vai multiplicar tanto o seu número de misións como a súa facturación”. Dous feitos aos que debemos engadirlle unha terceira variable: o crecemento deste novo mercado producirase fundamentalmente en países en vías de desenvolvemento.

HumSAT-D, un novo satélite

Entre os meses de outubro ou novembro lanzarase ao espazo un segundo picosatélite galego, o HumSAT-D. Trátase do satélite demostrador do proxecto HumSAT, o primeiro en porse en órbita dunha constelación de satélites, sensores e estacións de terra cun marcado carácter solidario e de cooperación internacional, sobre todo con países emerxentes. Os satélites integrados no proxecto, ao pasar por riba dos sensores recollerán datos que permitirán estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como a transmisións de información urxente en situacións de emerxencia e a través das estacións terreas da rede mundial GENSO, empregando unha banda de radio UHF, descargarán e porán en internet esta información a disposición do usuario final. O proxecto HumSAT conta co respaldo da ONU e da ESA.

Os premios Pontevedreses 2012 recoñeceron tamén nesta edición o labor da Fundación Meniños, ao historiador Xosé Fortes, a editorial Kalandraka, a Sociedade Deportiva Teucro e a Alfonso Zulueta de Haz, que recibiu o segundo Premio de Honra que se outorga na historia destes galardóns.