DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se destacou nunha xornada organizada este venres por Red Localis e a Xunta

Galicia é a comunidade autónoma onde é máis difícil abrir un negocio

A actividade contou coa participación de especialistas en administración local

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Transferencia
DUVI Ourense 25/10/2019

Galicia é a comunidade autónoma onde é máis difícil abrir un negocio. Así o explicaron expertos no eido local nunha xornada sobre a redución de cargas administrativas no exercicio de actividades económicas organizada este venres pola Xunta de Galicia e a Red Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo.

A xornada, que tivo lugar na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, contou coa participación de representantes das administracións autonómica e local, como o Igape e responsables técnicos dos concellos de O Pino, Arteixo, A Coruña e Outeiro de Rei; a Red Localis; a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) e universidades. O seu obxectivo foi abordar os avances na simplificación dos trámites legais que regulan a creación de empresas e a posta en marcha de iniciativas emprendedoras.

Segundo explican en nota de prensa desde a Red Localis, na xornada Alberto Vaquero, co-director de Red Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, salientou nela como “Galicia é a comunidade autónoma onde máis dificultades existen para abrir un negocio e isto a pesar do moito que se avanzou na xestión municipal”. Na súa opinión, “é necesario axilizar o pago a provedores e o acceso das pemes á contratación pública”, insistindo tamén en que a pequena dimensión das empresas en España é “un hándicap para a produtividade e tamén para a calidade do emprego”. Pola súa banda, Concepción Campos, co-directora da Red Localis destacou que é necesario avanzar na implantación da tramitación electrónica, pondo como exemplo como o custe de presentación dunha licenza ou comunicación previa presencial é de 80 euros mentres que a tramitación electrónica redúcese a cinco. Campos tamén afirmou que é necesario suprimir todos os trámites duplicados para reducir o volume normativo.

Na xornada tamén interveu o secretario xeral técnico da Consellaría de Economía e Industria, Borja Verea Fraiz, que subliñou os avances conseguidos en materia de xestión pero recoñeceu, segundo explican desde Red Localis, que é “necesaria unha actualización das normativas e unha simplificación das normas administrativas para responder con maior axilidade á demanda de trámites para crear novas empresas”. Neste senso defendeu a idea de que a Xunta de Galicia debe ser “un órgano facilitador do emprendemento”. Por último, Andrea Garrido, profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, considerou que “sería convinte homoxeneizar as tramitacións en España, onde na actualidade existen 17 operacións diferentes”.