DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel participarán grupos de investigación das tres universidades galegas

Galicia contará o vindeiro ano cun informe sobre a incidencia do cambio climático na costa galega

Froito dun convenio asinado polas institucións académicas coa Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 27/12/2021

As tres universidades galegas e a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia colaborarán na realización dun estudo sobre a incidencia do cambio climático na costa de Galicia, que incluirá as tarefas necesarias para completar o actual visor cartográfico que achega información sobre dúas variables: os riscos de inundacións e os da suba do nivel do mar. 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e os reitores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo asinaron esta luns o convenio de colaboración polo que se completará esta ferramenta coas proxeccións climáticas da erosión, baseadas nas dinámicas de ondaxe que ofrece a infraestrutura de observación de MeteoGalicia. Este visor permitirá coñecer os impactos do cambio climático na costa e avaliar os riscos asociados, tendo en conta as especiais características da costa galega.

Segundo explicou Ángeles Vázquez tras a sinatura do convenio, esta “valiosa información” permitirá á Galicia detectar os posibles efectos do cambio climático en praias e estuarios, especialmente nos dous quilómetros cara ao interior, ao identificar as infraestruturas e edificacións que se poden ver afectadas, así como os posibles impactos sobre os espazos naturais localizados nesta franxa, e sobre todo valorar economicamente os riscos.

O potencial das universidades

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou no acto celebrado en Santiago e Compostela que este tipo de proxectos permiten “programar o futuro e os efectos na costa galega” e agradeceu que se conte co potencial das universidades para facer un estudo máis completo. Pola súa banda, Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, sinalou que esta iniciativa é unha mostra máis da longa tradición de colaboración e complementariedade entre as universidades, como consecuencia da especialización destas institucións académicas. Polo que respecta ao reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, destacou que o proxecto presentado é “de Galicia para Galicia”, ao ter en conta a singularidade das rías galegas, e agradeceu a oportunidade de transferir o coñecemento das universidades para solucionar os problemas da sociedade.

O convenio de colaboración prevé un investimento de 192.600 euros ata finais de 2022. No estudo, o Grupo Rede da UVigo fará a análise dos riscos socioeconómicos na costa galega derivados do cambio climático; o Grupo Auga e Medio Ambiente (GEAMA) da UDC analizará os impactos na costa vinculados á erosión; e o Grupo Eco-IURIS da USC estudará como afecta o cambio climático aos ecosistemas costeiros galegos. Posteriormente, o traballo pecharase coas análises dos técnicos de MeteoGalicia sobre os efectos físicos que provocan a acción das augas da costa, que se apoiarán na información xeorreferenciada do Instituto de Estudos do Territorio.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente recordou tras a sinatura do convenio que Galicia está implicada na loita contra o cambio climático, coa elaboración da futura Lei do Clima de Galicia e o desenvolvemento da alianza galega polo clima, proxecto para o que solicitou a experiencia e apoio das tres institucións académicas galegas.