DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Foro Económico de Galicia

Galicia gasta entre 178 e 311 millóns anuais en formar universitarias e universitarios que emigran

Nel realizan recomendacións para contrarrestar esta fuga de talento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 02/12/2020

“Galicia incorre anualmente nun coste por xerar titulados que emigran fundamentalmente por cuestións laborais de, como mínimo, 178 millóns de euros ao ano (supondo que os estudantes rematan a súa formación en catro anos), cantidade que se amplía a 311 millóns (se a remata en sete)”. Esta cifra é unha das destacadas no informe Fuga de talento en Galicia. Mito ou realidade? realizado polo Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo.

O documento, presentado este mércores en Santiago de Compostela, está asinado por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense; Luis Espada, director do Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo; Víctor R. Martínez Cacharrón, enxeñeiro industrial encargado de análise de datos nese observatorio, e Sara Fernández, profesora da Universidade de Santiago de Compostela. A súa análise abrangue a problemática da fuga de cerebros afondando na conceptualización da migración de persoas con alto nivel de cualificación; na propensión a emigrar de mozas e mozos españois tendo en conta o contexto europeo; na situación da fuga de talento en Galicia; na emigración e mobilidade xeográfica das persoas tituladas a través do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo e nas repercusións da migración laboral da xuventude, para rematar realizando unha serie de recomendacións.

Tendo en conta que “analizar a fuga de talento é un tema en si delicado, facelo de forma rigorosa é unha cuestión extraordinariamente difícil debido á falta de estatísticas oficiais apropiadas”, desde o Foro Económico de Galicia subliñan “a necesidade de abrir un debate sobre este tema que se asente en datos específicos e obxectivos”. Neste contexto, indican, o documento presentado este mércores “pretende ser un punto de partida nese proceso de debate que, seguro, será difícil, pero que non pode retrasarse máis”. Así, recalcan os autores do informe, “a fuga de talento, entendida como a emigración a outros territorios de persoas de alta cualificación, é algo a ter moi presente. Se ben a mobilidade de traballadores resulta desexable para axustar a oferta coa demanda de capital humano, unha perda neta continuada de persoas egresadas ten importantes consecuencias negativa a nivel económico e social”.

Unha comunidade autónoma exportadora de talento

A análise presentada este mércores abrangue diferentes fontes de datos, como a Enquisa de Variacións Residenciais, que apunta como en 2019 se produciron 28.853 movementos de saída de Galicia e se rexistraron 46.000 movementos de entrada, o que se traduce nun saldo positivo de 17.747 movementos. Tamén se emprega a Estatística de Mobilidade do Mercado de Traballo, na que se reflicte como a poboación nada en Galicia emigra por razóns laborais de xeito maioritario cara Madrid e Cataluña, recollendo entre ambas un 50% da poboación asalariada que emigrou de Galicia entre os anos 2016 e 2018. Outros datos recollidos no informe son os dun estudo liderado por González-Laxe sobre a “terceira etapa migratoria” de Galicia (2003-2010) no que se indica que “o 12 % dos que emigran teñen estudos superiores, polo que, entre 2003 e 2010, 40.000 egresados abandonaron Galicia, unha cifra que sería a metade dos egresados polas universidades galegas durante estes anos”. Ademais, no documento do foro dedícase unha especial atención aos informes do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo, polo seu carácter único no SUG. A información recollida no informe, indican os seus responsables, permiten sinalar como o problema da emigración de talento en Galicia non ten o cariz que si se ten noutras comunidades autónomas pero, afirman, “aínda con todo, temos que ser conscientes que somos una comunidade autónoma exportadora de talento” e subliñan a importancia de “ter en conta esta realidade”.

No seu informe, os especialistas do Foro Económico de Galicia realizan “unha aproximación, grosso modo, de algunhas das repercusións da migración laboral dos nosos universitarios a partir dunha serie de simulacións”. Con toda a cautela derivada da limitacións de datos existente neste tema, indican que “debido ao proceso migratorio dos nosos egresados universitarios, Galicia incorre anualmente nun coste por xerar titulados que emigran fundamentalmente por cuestións laborais de, como mínimo, 178 millóns de euros ao ano (supondo que os estudantes rematan a súa formación en catro anos), cantidade que se amplía aos 311 millóns (se a rematan en sete)”. Ademais, engaden, este proceso migratorio suporía unha perda de nacementos anual de 1500 nenos e nenas e deixar de crear anualmente arredor de 315 novas empresas.

Medidas a tomar

Unha vez feita a análise dos datos, os autores do traballo recomendan poñer en marcha unha serie de medidas cuxo obxectivo sexa, por unha banda, evitar a fuga de talentos e, por outra, promover o regreso das e dos universitarios que marcharon. As súas recomendacións son: realizar un maior esforzo en materia de emprego que posibilite un mellor axuste da oferta coa demanda de traballo; a creación de postos de traballo pasa necesariamente pola creación de empresas innovadoras e empresas de maior tamaño; a aplicación de políticas públicas e privadas que posibiliten competir en igualdade de condicións; impulsar as actividades relacionadas coa tecnoloxía en Galicia; mellorar a cooperación ente o sector produtivo e o Sistema Universitario de Galicia; garantir calidade de vida aos mozos e mozas e promover estratexias de retorno. Todas estas recomendacións, engaden desde a entidade, deberían incorporarse ás axendas políticas e promover unha discusión rigorosa sobre a fuga de talento e a súa recuperación. Ademais, engaden, “habería que construír un instrumento que detecte as tendencias en materia de emigración e analizar as pautas de comportamento” para poder así “coñecer a verdadeira intensidade da fuga de talento e implementar medidas adecuadas para a súa recuperación e captación”.