Celebrado esta mañá na Reitoría do campus vigués
García Mateo e Gómez Besteiro reiteran a súa defensa da universidade pública no seu primeiro encontro institucional
O secretario xeral do PSdG confirmou que solicitará á Xunta máis financiamento estrutural
A reitora da Universidade de Vigo, Carmen Garcia Mateo, e o secretario xeral do PSdG, José Ramón Gómez Besteiro, mantiveron este luns o seu primeiro encontro institucional logo da toma da posesión da reitora viguesa, unha reunión na que ambos coincidiron en reiterar o seu apoio decidido á universidade pública.
“Foi un pracer recibir a José Ramón Gómez Besteiro na Universidade, nesta primeira toma de contacto para coñecernos e falar basicamente da universidade pública, que é algo que temos que defender todos desde as institucións e as organizacións políticas”, sinalou Carmen García Mateo sobre a xuntanza co dirixente socialista galego que cualificou de “moi positiva”, asegurando que “seguiremos traballando xuntos”.
Pola súa banda, Gómez Besteiro reiterou que “estamos volcados en dimensionar, potenciar e mellorar a universidade pública e agora que estamos en fase de renegociar o financiamento trasladaremos á Xunta a petición de aumentar o financiamento estrutural ás universidades, que é onde máis o necesitan”. O secretario xeral dos socialistas galegos tamén avogou por traballar en novas opcións de vivenda para o alumnado como residencias públicas e a incorporación da gratuidade á primeira matrícula dos mestrados.
“Imos continuar nesa relación que se nos abre coa UVigo para traballar a prol dos estudantes, sobre todo na defensa do público que é o que nos ampara no campo da educación, como no da sanidade que é o que nos ampara a todos e presta os mellores servizos sen saber se temos moito ou pouco”, dixo Gómez Besteiro, que estivo acompañado na súa visita á reitora da UVigo polo voceiro de Educación do PSdG no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza Manso.
