DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun repleto salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

García Mateo inicia a carreira á Reitoría reivindicando unha Universidade máis próxima

Aposta por gobernar “fóra dos despachos” e con contacto directo coa comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Eleccións
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/04/2026

“Todas as persoas, un proxecto”. Este é o seu lema e tamén un bo xeito de resumir o arranque de campaña de Carmen García Mateo ás eleccións á Reitoría. Foi nun repleto salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, nun acto coral no que non faltou a música e o ambiente festivo  e que reflectiu de xeito claro o carácter colectivo da súa proposta. 

Acompañada polos membros da súa candidatura e “por moitísimas caras coñecidas e moitas outras que estou desexando coñecer”, tal e como ela mesma admitiu, este foi o primeiro acto no que a candidata pediu abertamente o voto para a súa candidatura, un equipo que gobernará, segundo as súas palabras, “con proximidade, fóra dos despachos, mantendo un contacto directo cos diferentes centros e colectivos para escoitar e cumprir a nosa palabra”.  Este é, segundo García Mateo, o contrato de confianza que asina coa Universidade de Vigo e coa sociedade galega. “Trátase de avanzar con seriedade, coidar o noso capital humano e situar a Universidade de Vigo no lugar que merece, por talento e por historia”, subliñou a candidata.

Unha proposta con marcado carácter colectivo

Co candidato a vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa, Xavier Martínez Rolán, actuando como mestre de cerimonia, o evento arrancou coa participación de diferentes representantes do PDI e o PTXAS. No nome do Persoal Técnico de Administración e Servizos, PTXAS, tomou a palabra David Basalo, coordinador da Unidade de Análises e Programas, quen afirmou con rotundidade que “a presentación de Carmen á Reitoría abre unha nova fiestra de ilusión e esperanza, sobre todo nun colectivo como o PTXAS, onde nos últimos anos se instalou un claro sentimento de desilusión e apatía. Ogallá ela sexa a primeira reitora da UVigo”.

Como PDI non permanente, Estefania Paredes, investigadora  Ramón y Cajal do Centro de Investigación Mariña da UVigo, fixo fincapé na proximidade da candidata e en como desde o primeiro intre se achegou a este colectivo para interesarse polas súas inquedanzas”. Nesta liña, fixo fincapé en que o seu programa deixa ben claro “que entendeu que a investigación necesita estabilidade e uns procesos e normas claras”. En representación do PDI Permanente, Antonio Sartal, investigador do grupo Rede, retou ao novo equipo a facer as cousas de forma distinta, pondo en valor, o potencial de todos  os colectivos da UVigo e formulando solucións que axuden aos diferentes colectivos a liberarse da pesada burocratización que teñen que sufrir na actualidade.

Programa baseado en tres eixes de transformación

Tras agradecer a todo o público a súa presenza no acto, a candidata presentou os tres eixes de transformación que vertebran o seu programa: o compromiso co capital humano da universidade, a superación do minifundismo institucional para construír un proxecto común, e a substitución da improvisación pola planificación e a rendición de contas. "Despois de anos de improvisación, a UVigo necesita un goberno que substitúa os parches pola planificación e que faga da transparencia a norma, non a excepción", afirmou a candidata.

Subliñou como  elemento diferencial  o seu futuro equipo de goberno. “Presento un grupo cohesionado, que aplicará políticas de longo percorrido”, salientou a candidata, quen se referiu aos compañeiros e compañeiras como un conxunto de profesionais  “que entende a gobernanza como responsabilidade colectiva, non como suma de despachos".

A continuación abriuse unha quenda de preguntas na que a comunidade universitaria puido enviar as súas cuestións en tempo real. Recibíronse numerosas preguntas, das que García  Mateo respondeu a catro de forma directa, comprometéndose publicamente a dar resposta de forma individualizada ao resto ao longo da campaña. Tratáronse, neste senso, cuestións como o Plan de Ordenación Docente, a saúde mental dos estudantes ou a cobertura das baixas do PTXAS.