Acompañada pola vicerreitora do campus e o vicerreitor de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade
García Mateo mantén o seu primeiro encontro institucional co alcalde de Pontevedra
A reitora destacou a vontade de colaboración entre as dúas institucións
Tras a súa toma de posesión, o pasado xoves, como nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, mantivo nesta xornada o seu primeiro encontro institucional co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Nunha xuntanza desenvolvida na Casa Consistorial, García Mateo estivo acompañada pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Marián Fernández Villarino, e polo vicerreitor de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade, David Álvarez. Na reunión participaron tamén o concelleiro de Universidade, Demetrio Gómez, e o novo director da Área de Xestión de Infraestruturas do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho.
O encontro, sinalou García Mateo, supuxo unha "primeira toma de contacto" cos responsables do goberno local, dos que puxo en valor o "ton de colaboración e dispoñibilidade total" á hora de traballar conxuntamente en "todos os campos nos que podemos colaborar e nos que imos colaborar efectivamente". Neste punto, a reitora destacou que esa vontade “é recíproca” e explicou que o obxectivo é agora “empezar a traballar xa” na concreción desas vías de colaboración entre ambas institucións.
Esta primeira xuntanza, engadiu, centrouse principalmente en aspectos relacionados con "infraestruturas e dotacións para o campus", o que levou a abordar cuestións como a posibilidade de “construción de espazos docentes” na parcela de Tafisa ou “distintas posibilidades para o aloxamento de estudantes”.
Apoio ao Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda
Alén desta xuntanza, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobaba tamén nesta xornada un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para apoiar as actividades do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, da Facultade de Deseño, ao longo dos próximos catro anos. Este acordo supón, nomeadamente, que a administración local destinará 240.000 ás iniciativas desta titulación ata o ano 2029, a través de catro achegas anuais de 60.000 euros. Segundo informou o Concello, Fernández Lores destacou a transcendencia de manter estas liñas de traballo conxunto coa institución académica para facer medrar a cidade dende o ámbito educativo e social. "Ter un campus especializado, creativo, potente e activo é fundamental para unha cidade dinámica como Pontevedra", subliñou o alcalde.
