DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo estivo liderado pola investigadora Beatriz Comendador

O GEAAT realiza unha prospección xeofísica no conxunto arqueolóxico de Lobarzán en busca de indicios de ocupación prehistórica

Os resultados provisionais “son moi prometedores”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 21/07/2022

Un equipo liderado por Beatriz Comendador, investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, vén de realizar unha prospección xeofísica no sector norte do monte Castelo de San Salvador de Vilaza, no conxunto arqueolóxico de Lobarzán (Monterrei/Oímbra, Ourense). O obxectivo foi localizar indicios de ocupación prehistórica baixo a terra nas plataformas identificadas como de especial interese na prospección feita en 2019.

A intervención arqueolóxica contou co apoio do Concello de Monterrei para a roza do terreo e a colaboración da investigadora posdoutoral Emmanuelle Meunier, con financiamento da Casa Velázquez, para a prospección xeofísica. O equipo estivo formado por Beatriz Comendador (directora); Lucía Rodríguez (axudante de dirección e tamén membro do GEAAT), Tiago do Pereiro, de Era Arqueoloxía SA e a colaboración da propia Emmanuelle Meunier.

Os antecedentes

O conxunto arqueolóxico de A Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán, explica Beatriz Comendador, atópase situado entre os núcleos de poboación de As Chás (Oímbra) e Vilaza (Monterrei), cabeceiras das parroquias homónimas. O conxunto érguese entre unha serie de outeiros (Mazairo, A Ceada e O Castelo) que dominan unha ampla chaira situada en altura entre os vales do río Támega e Búbal, o que lle confire un carácter eminentemente estratéxico.

Este conxunto arqueolóxico, detalla a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense, ten unha ampla historiografía. Segundo explica, primeiramente foi coñecido como Castro das Laxes das Chás, “porque as primeiras referencias falaban da existencia dun castro ou citania, pero hoxe en día non coñecemos indicios desa ocupación da Idade do Ferro”. As primeiras novas sobre a ocupación prehistórica, engade, “foron nos anos 2000, baixo a denominación de Castelo de Chás”. No ano 2019, o GEAAT desenvolveu neste enclave unha intervención arqueolóxica (o Proxecto Lobarzán) no marco dun convenio de colaboración en materia de arqueoloxía asinado entre a Universidade de Vigo e os concellos de Oímbra e Monterrei (2019-2022). Como principais achegas dese proxecto, foi identificada a fortaleza medieval de Lobarzán no alto do Castelo (Vilaza), unha ocupación do período xermánico no alto da Ceada (Oímbra) e deuse a coñecer o achado de pintura de tradición esquemática nunha cavidade, Penedo do Gato, nunha das abas do alto do Castelo, que pode visitarse de xeito virtual grazas ao proxecto PRE-Media. “O conxunto Arqueolóxico e Natural de A Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán” (Oímbra/Monterrei) está logo formado por diversas evidencias arqueolóxicas dunha ocupación diacrónica e longa”, afirma a investigadora do GEAAT.

Nesa prospección de 2019, tamén se identificou unha grande área de dispersión de materiais prehistóricos en superficie, caracterizables arredor do terceiro milenio AC. Na recolla selectiva e xeoreferenciada realizada, foi recuperado un conxunto de 700 elementos inventariados en 120 puntos arqueolóxicos, que foron obxecto do traballo de fin de mestrado de Lucía Rodríguez. “Unha das maiores concentracións de material en superficie sitúase na valgada entre os altos de A Ceada e O Castelo, onde aparece abundante material nas terrazas entre abrigos rochosos. Aquí aparecen tamén materiais susceptibles de indicar unha ocupación máis antiga, e por estas razóns, esta foi a área elixida para realizar a prospección xeofísica deste ano”, comenta Beatriz Comendador.

A prospección

O obxectivo da prospección realizada durante varios días deste mes de xullo foi localizar nestas plataformas indicios de ocupación prehistórica baixo a terra, especialmente áreas de actividade intensa coa presenza de fogueiras e lumes, que permitan o posterior deseño dunha actuación mediante sondaxes valorativas en busca de estratigrafía. “Estes traballos resultan de especial interese para coñecer mellor o xacemento e para a tese de doutoramento de Lucía Rodríguez, que actualmente estuda a materialidade e mobilidade na prehistoria recente no territorio do Alto Támega transfronteirizo”, detalla Beatriz Comendador.

A actuación, sinala a arqueóloga da UVigo, tivo un carácter non invasivo, xa que parte da roza da vexetación superficial e a aplicación de técnicas de prospección xeomagnética que non afectan ao subsolo. Aínda así, detalla, contaron para a actuación co permiso da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. A limpeza da superficie foi realizada por parte dos operarios do Concello de Monterrei con supervisión arqueolóxica e a prospección xeofísica contou cun magnetómetro Bartington 601/2, “equipo amplamente utilizado en países como o Reino Unido e Alemaña, onde a prospección xeofísica é un requisito obrigatorio por lei”. Aplicouse en catro áreas que cobren unha superficie aproximada dunha hectárea.

Segundo explica Beatriz Comendador, “a interpretación provisional das magnetometrías e dos datos recollidos revela a presenza de anomalías magnéticas de interese, como áreas de queimado que poden corresponderse con fogueiras de cronoloxía indeterminada, aliñamentos dispersos e unha posible estrutura subcircular”. Na plataforma superior, engade, “é posible observar dúas estruturas lineais que poderían corresponderse con muros”. Por este motivo, a directora do proxecto subliña que “os resultados son moi prometedores, polo que será preciso realizar nun futuro sondaxes manuais, pero de momento non hai previsión de financiamento”. Neste senso, a arqueóloga recalca que “este conxunto ten un enorme potencial e sería importante proseguir coas investigacións e dinamizar estes recursos, e máis agora que o GEAAT participa, en parcería con entidades lusas, no proxecto Territórios sem Fronteiras, para a promoción do coñecemento arqueolóxico das rexións do Tinhela e o Alto Tâmega, no marco do Programa Promove o Futuro do Interior 2022 (Fundação "la Caixa" e  Fundação para a Ciência e Tecnologia).