DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un equipo de 20 persoas participa na undécima campaña arqueolóxica neste enclave

O GEAAT volve escavar en Armea para continuar descubrindo a súa ‘cibdá’ romana

Os traballos centraranse en ampliar a zona coñecida das tres grandes domus e da súa rúa central

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 06/07/2022

Desde este mércores e ata finais do mes de xullo, un equipo dirixido polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolve a súa undécima intervención arqueolóxica na 'cibdá' de Armea, no concello ourensán de Allariz. Os traballos centraranse en ampliar a zona coñecida das tres grandes domus e da rúa central empedrada deste xacemento de orixe romana ocupado arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III, que destaca polo seu grao de conservación e dimensións.

O proxecto, dirixido polo arqueólogo do GEAAT Adolfo Fernández, desenvólvese dende o ano 2014 a través dun convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e o Concello de Allariz. Este ano, conta ademais con financiamento da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, concretamente da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través dun convenio co propio Concello de Allariz. Seguindo a dinámica de anteriores edicións, o equipo que participa nesta campaña está formado por membros do GEAAT e arredor de 20 alumnas e alumnos da Facultade de Historia do campus de Ourense e estudantes chegados doutras universidades galegas, estatais e estranxeiras interesados en formar parte desta intervención dado o seu enfoque de curso arqueolóxico para o estudantado participante.

Traballos na finca da atalaia

A coñecida como finca da atalaia, de propiedade municipal, é o espazo onde se desenvolve este proxecto e as súas escavacións anuais. Os traballos realizados dende o ano 2014, detalla Adolfo Fernández, sacaron á luz tres grandes domus que se dispoñen arredor dunha rúa central empedrada, datadas sobre os séculos I ao III despois de Cristo. A domus norte, recibe o nome de domus do hexasquel e ten un patio empedrado con columnas arredor do que se dispoñen diversas habitacións, entre elas unha cociña cunha lareira e unha estancia con pavimento de opus signinum. Na zona norte, apunta o arqueólogo, “localizouse unha gran plataforma de rocha traballada para conformar unha serie de canais e estruturas, posiblemente destinadas á produción vitícola”. A domus do sur da rúa, chamada domus da roseta, presenta segundo explica o responsable do proxecto tamén un patio no seu extremo oeste, así como unhas escaleiras de acceso dende unha rúa diagonal situada ao sur da finca. Neste caso, entre as súas estancias destaca unha con banco corrido e outra que aínda conserva estuco na súa parede. Ao este desta domus, separada dela por unha canle que desauga na rúa central, atopáronse novas estancias que forman a nova domus do tríscele, na que se documentou un posible atrium ou impluvium na campaña de 2021.

Este verán, comenta Adolfo Fernández, continuarase a actuación cara o leste da finca da atalaia. “O obxectivo desta nova campaña é intervir no extremo leste da domus do hexasquel, onde estaría localizada unha antiga pedreira froito das intervencións de Conde Valvís, e ampliar a posible zona exterior que xa se escavara na intervención do ano 2021 e que achegou materiais moi interesantes, como unha cabeza antropomorfa asociada a construcións máis antigas do século I despois de Cristo”. Na domus do tríscele, engade o arqueólogo, “continuaranse cos traballos na estancia onde apareceu un posible atrio co obxectivo de coñecer a configuración desta nova domus”. Tamén se intervirá na rúa central empedrada do xacemento para coñecer a súa continuidade cara o leste.

Dúas fases de escavacións, conservación e divulgación

Grazas ao financiamento acadado este ano, como novidade haberá dúas fases de escavación. “Una delas será a habitual de todos os anos, durante o mes de xullo e como campo de prácticas para os futuros arqueólogos e arqueólogas, e outra a partir de finais de agosto que se estenderá durante outras catro semanas cun equipo técnico de arqueoloxía do GEAAT e o apoio de auxiliares”, sinala Adolfo Fernández. A estas dúas fases de escavación seguiralle a campaña de conservación-restauración en outubro, na que “se traballará nas zonas escavadas este verán, realizando tarefas de consolidación de muros, tapado de estruturas e pavimentos e musealización”. Ademais das sucesivas intervencións na 'cibdá' de Armea tamén se levarán a cabo tarefas de divulgación e, como en anos anteriores, visitas guiadas e outras actividades para dar a coñecer os traballos que se realizan no xacemento. “Logo de celebrar o ano pasado o décimo aniversario, a campaña deste ano espera ser o comezo dun novo decenio de proxecto, con novas tarefas e obxectivos”, afirma por último o seu responsable.