DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do convenio de colaboración existente entre a UVigo e o Concello de Allariz

O GEAAT volverá escavar no xacemento galaico-romano de Armea en xullo

O alumnado interesado en participar na campaña arqueolóxica de 2021 xa pode inscribirse

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 23/03/2021

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo volverá escavar un verán máis na cibdá galaico-romana de Armea, na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas. Froito dun convenio de colaboración existente entre a institución académica e o Concello de Allariz, a campaña arqueolóxica de 2021 desenvolverase durante todo o mes de xullo e neste ocasión o obxectivo será ampliar a zona de escavación cara o leste. O alumnado universitario interesado en participar na intervención xa pode inscribirse nela.

Ampliación cara o leste

A cibdá de Armea, lembran desde o GEAAT, está considerada “un referente para a arqueoloxía galega e peninsular”. Trátase, indican, dun xacemento único de orixe romana situado no Concello de Allariz, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. As intervencións anuais realizadas no castro por parte deste grupo apuntan a que este enclave foi “unha auténtica cidade romana”, rica e de prestixio segundo os restos atopados ata o momento, que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia. O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio leva estudando este enclave, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, cunha campaña arqueolóxica cada verán desde o ano 2014. Os traballos levados a cabo en cada campaña son financiados polo Concello de Allariz, contando o pasado ano por primeira vez co apoio económico da Xunta de Galicia, da Dirección Xeral de Patrimonio.  

Na campaña arqueolóxica que se desenvolverá neste 2021, explica Adolfo Fernández, director do proxecto arqueolóxico, “sairemos da finca da Atalaia e iremos cara fincas que están ao lado para seguir ampliando o xacemento”. A intención, detalla, “é ampliar a zona de escavación cara o leste, onde está a rúa central e a domus do leste ou do tríscele”. Na actualidade, indica o arqueólogo, dúas das domus ou casas do castro están escavadas por completo e a idea é continuar traballando nesta domus leste ou do tríscele, da que xa hai catro estancias ou habituacións escavadas. “O futuro da intervención é ir cara as fincas do leste, que son por así dicilo máis barrio urbano, máis casas, con rúas e zonas abertas”, comenta o arqueólogo responsable da intervención.

Seguindo a tradición de anos anteriores a previsión é que a campaña arqueolóxica se desenvolva durante todo o mes de xullo, en dúas quendas, unha na primeira quincena e outra na segunda quincena. O pasado verán, explican desde o GEAAT, a situación derivada da pandemia provocou dificultades á hora de poder desenvolver con normalidade a campaña, confiando en que nesta ocasión se poida levar a cabo de xeito máis óptimo e atendendo unha vez máis a todas as medidas de prevención precisas. Como en cada campaña, de xeito paralelo á intervención, tamén se levarán a cabo tarefas de conservación e restauro, de sinalización, de adecuación do xacemento e de divulgación.

Inscrición aberta

A inscrición para participar nesta campaña de 2021 xa está aberta. O alumnado de Arqueoloxía, Historia, Historia da Arte e titulacións afíns interesado pode inscribirse ata o 15 de maio no formulario web habilitado polo GEAAT. Desde o grupo sinalan que cada ano reciben un elevado número de solicitudes procedentes de universidades non só galegas senón de toda a xeografía estatal. A importancia do xacemento, o enfoque de curso arqueolóxico destas prácticas e o feito de ofrecer aloxamento para parte das e dos participantes son algúns dos factores que explican esta boa acollida. As persoas interesadas poden solicitar unha praza para a primeira ou a segunda quincena de xullo, tendo preferencia na concesión o alumnado de Arqueoloxía e Historia. Desde a organización agardan recibir sobre 200 solicitudes e que finalmente sexan arredor de 40 as e os estudantes participantes, 20 na primeira quincena e 20 na segunda.