DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No proxecto participan cinco empresas e o Departamento de Enxeñaría Mecánica da UVigo

Geo4radón encara o final procurando mellores sistemas de climatización xeotérmica e analizando a influencia das sondaxes na difusión do radon 

Cun orzamento de máis de 800.000 euros, rematará en setembro de 2020

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/12/2019

O proxecto Geo4radón encara a súa terceira anualidade, que culminará en setembro do ano 2020 coa construción dun sistema unificado que recolla, a través dunha bomba de calor, a enerxía xeotérmica da terra, e que estará dotado de ferramentas para a recarga enerxética dos pozos dos que se extrae esa enerxía, a través de aerotermos e enerxía solar. En paralelo, a investigación, na que participan o catedrático do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos da Universidade de Vigo José Fernández Seara e cinco empresas, achegará os resultados das medicións da presenza de gas radon nos pozos, a través do estudo da influencia entre as perforacións xeotérmicas e a súa difusión no medio ambiente, por mor deste tipo de obras. Nunha sesión celebrada este mediodía na sala de graos da Escola de Enxeñería Industrial, os responsables do proxecto deron a coñecer os avances realizados ao abeiro de Geo4radón, que conta cun orzamento total de 819.000 euros e unha subvención da Axencia Galega de Innovación de 444.320, cofinanciados nun 80% por fondos Feder da UE. 

“As catro patas que configuran Geo4radón van avanzado en paralelo, a diferentes velocidades, ata converxer nun punto final común en setembro de 2020. Os pozos para probar a escala real as bombas e os sistemas de extracción de calor xa están construídos e a bomba de calor deseñada xa está fabricada e en fase de probas nun banco de ensaios dos laboratorios da Universidade de Vigo”, detalla Francisco Javier Prego, coordinador do Departamento de I+D+i de Extraco S.A, que apunta que aínda quedan por implementar os sistemas de recarga dos pozos, con aerotermos e placas solares e, finalmente, probar todo o sistema en conxunto a través dun software de control, que está en fase de desenvolvemento. Un equipo multidisciplinar de 20 persoas achegados polas empresas Extraco, Megodeza, Galaicontrol, Renga Enerxía e Conexiona e investigadores da Universidade de Vigo, dirixidos por José Fernández Seara, que coordina o proxecto como investigador principal, participan no proxecto, que permitirá mellorar os sistemas de climatización xeotérmica e analizar a influencia das sondaxes xeotérmicas na difusión do gas radon.

Bombas de calor máis eficientes a través de enerxía xeotérmica 

Francisco Javier Prego incide en que a novidade e interese deste proxecto radica no desenvolvemento de novos tipos de bombas de calor máis eficientes para a calefacción de edificios a través de enerxía xeotérmica, probando diferentes métodos de recarga enerxética destes pozos con enerxías verdes, como xa se está facer noutros países, como Holanda. “A enerxía xeotérmica extraída da terra a través da bomba de calor pretendemos recargala nos pozos, achegando calor extraído doutras fontes externas, a través de aerotermos (aproveitamos a calor do aire) e de enerxía solar, a través de placas solares”, sinala o coordinador do Departamento de I+D+i de Extraco S.A., que destaca que, por vez primeira, se estuda se eses pozos para a extracción de calor da terra tamén favorecen que saia dos macizos rochosos o gas radon, que podería acumularse nos sotos das vivendas nas que se aproveita este tipo de enerxía como calefacción.

Os dous primeiros campos, que son pozos para a captación de enerxía xeotérmica, construídos en Ourense, constan cada un de tres pozos separados entre si 10 metros, unha configuración teórica coa que se quere estudar como a extracción xeotérmica nun dos campos, a determinada profundidade, afecta á extracción no outro campo, que ten outra profundidade distinta. “O terceiro campo, cun único pozo, está no Parque Tecnolóxico de Galicia, pensado especificamente para a medición de radon. Trátase de configuracións de pozos de extracción  que xa temos construídas a escala real, nos que non se comparan unicamente dous pozos illados, senón grupos de pozos (campos), que se monitorizan a través dun novo software de control do sistema de extracción de enerxía, dotado de sondas de medición de temperaturas e de detectores de gas radon. Este sistema de control está aínda en fase de proba e esperamos telo a pleno rendemento no segundo cuadrimestre de 2020”, explica Prego.

Plans de ensaios para medidas de radon

Ademais de amosar as bombas de calor de alta potencia e alta temperatura de captación desenvolvidas no proxecto, na xornada de presentación dos resultados do proxecto celebrada este mediodía, tamén se deron a coñecer os plans de ensaios para medidas de radon, que son “protocolos para definir os lugares onde, neste novo sistema, se deberán colocar os medidores de radon para recoller datos fiables da existencia deste gas nos pozos construídos, así como as campañas de medición que se fan e os métodos de actuación en caso de que os valores detectados superen os máximos permitidos”, detalla Prego.

A nove meses vista da finalización do proxecto, a día de hoxe xa están construídos os campos de captación, deseñados os sistemas de interconexión (en fase de montaxe neste mes) e os de recarga de pozos, que se albergarán nun contedor non isotermo xa preparado para este cometido. “Así mesmo, a bomba de calor xa está construída e en fase de probas. En relación á parte de control do radon, xa temos valores preliminares de medicións realizados nas oficinas de Extraco con medidores de traza, á espera de comparalos cos obtidos nos pozos de captación en cada un dos tres campos”, conclúe Francisco Javier Prego.