DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor aspira a renovar o seu mandato por tres anos máis

Gil Garrote, único candidato nas eleccións a decano da Facultade de Ciencias

A votación será o día 12 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Ourense 29/11/2018

Despois de tres aos ao fronte da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, o profesor Gil Garrote é o único candidato que se presenta ás eleccións a decano ou decana deste centro. Rematado o seu primeiro mandato, Gil Garrote aspira a renovar o cargo co obxectivo principal de dar continuidade ás accións postas en marcha polo seu equipo. A votación da Xunta de Facultade de Ciencias será o día 12 de decembro.

O equipo co que se presenta ás eleccións Gil Garrote é “de continuidade, aínda que incorporamos a unha nova persoa, a María José Pérez, profesora titular de Microbioloxía, como secretaria do centro, dado o volume de alumnado”. Deste xeito, mantéñense Sidonia Martínez como vicedecana de Calidade; Elena Martínez, como vicedecana de Alumnado e Promoción Exterior e Juan Carlos Nóvoa, como vicedecano de Organización Académica. Agradecendo e subliñando o esforzo e o traballo feito por este equipo, Gil Garrote apunta que o motivo de volver a presentarse é que “coido que quedan cousas por facer, tanto no referido a novas infraestruturas como a titulacións. Algunhas delas están a desenvolverse agora e gustaríanos deixar as cousas rematadas”.

Balance dun mandato

“Coido que o balance destes tres anos é positivo”, comenta Gil Garrote facendo balance do traballo realizado durante o primeiro mandato. Como principais fitos dese período destaca a finalización da implantación dos novos plan de estudos, “que garanten a viabilidade das titulacións”, e a acreditación por parte da Aneca “de todos os títulos do centro, tanto graos como mestrados”. Cando asumiron o decanato hai tres anos, apunta, “había só un acreditado e nada máis chegar o decanato, tal e como estaba previsto, acreditáronse os tres graos e recentemente o mestrado que faltaba”.

A estes fitos académicos o decano en funcións engade outro referido a infraestruturas. Neste senso, sinala que “acadáronse importantes infraestruturas, tanto a nivel de investigación como a nivel docente”. Entre elas Gil Garrote indica como na actualidade xa se están a facer as obras no invernadoiro, “una infraestrutura obsoleta que no seu momento xa se acordara o seu arranxo entre o anterior decano, Pedro Araújo, e o entón vicerreitor Virxilio Rodríguez. Tamén destaca como se acadou “recentemente a planta piloto, que era unha reivindicación histórica da Facultade de Ciencias”. Estas infraestruturas, detalla, “axudarán á docencia do Grao en Enxeñaría Agraria e en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos”.

Retos para outro mandato

Sobre os principais retos en caso de saír elixidos para un segundo mandato, Gil Garrote indica que “nós temos en mente actuacións en tres eixes principais”. O primeiro, sinala, refírese a infraestruturas, concretamente “tanto as melloras que suporán o invernadoiro e a planta piloto como os espazos que perdemos coa implantación do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, esperando que en breve poidan paliarse ese prexuízo que sufriu o noso centro”. O segundo céntrase nas titulacións, salientando Gil Garrote como “actualmente estamos nun proceso de análise do Grao de Enxeñaría Agraria, a petición da Secretaría Xeral de Universidades. Por último, detalla, “temos que valorar se a nivel de calidade realizaremos accións ou non, como a acreditación do Sistema Interno de Garantía de Calidade ou a solicitude de acreditacións europeas para algúns títulos”.

Estes retos centrarán a campaña do seu equipo, na que apunta “a nosa idea é ir falando cos membros da Xunta de Facultade, máis a nivel persoal que como colectivos, para falarlles do que queremos facer e que nos transmitan as súas ideas e inquedanzas”.