DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Golpes en Primeira Persoa” expón un punto de vista diferente sobre a violencia de xénero

Organizada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 05/12/2007

A Casa das Campás acolleu a conferencia–coloquio Golpes en Primeira Persoa organizada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra para tratar o tema da violencia de xénero desde un punto de vista diferente ao que estamos acostumados. “Fora das cifras e das estatísticas, con esta charla pretendemos tratar o problema dos malos tratos desde a visión das persoas que o viven de cerca, por iso participan profesionais que están en contacto diariamente coas vítimas”, comentou a directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo, Ana Belén Fernández Souto.
A conferencia, que tivo lugar na sede da Vicerreitoría, abriuna a coordinadora da Asociación Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos, Rosa Fontaíña, quen comentou que “estamos esperando a que desde a administración cheguen axudas para que as mulleres maltratadas poidan rehabilitarse realmente”. Na súa ponencia destacou a labor que esta asociación realiza en colaboración coa Universidade de Vigo, facendo mesas informativas nos campus para achegar á cidadanía a problemática da violencia de xénero. Tamén subliñou as actividades rehabilitadoras como o Proxecto Clara (para a integración laboral das mulleres con diferentes problemáticas que están en proceso de reincorporación social) ou os cursos de risoterapia que Rede realiza desde fai varios anos.
Pola súa banda, a profesora da Universidade de Vigo e directora do programa Galicia de Reinserción de Maltratadores, Francisca Fariña, achegou a situación que viven os máis de 350 maltratadores que participan neste programa. “En un principio tivemos moitos problemas, os maltratadores non acudían ao programa… agora existe un protocolo elaborado de xeito que no momento en que nos chega a sentencia, atendemos ao maltratador”, explicou Francisca Fariña. Ante un programa tan cuestionado socialmente, a directora tivo que explicar por que se trata aos maltratadores cando hai tanto por facer coas vítimas. A súa resposta foi moi clara, “porque o establece a lei e porque é o único xeito de que os maltratadores teñan unha oportunidade de deixar de maltratar”.

Outros puntos de vista...

Ademais a xornada contou coa participación da avogada e membro do Centro de Información ás Mulleres de Caldas, Ángela Mosquera, que fixo un repaso pola evolución das leis que atenden á violencia de xénero, desde as primeiras que existían ata as propostas que están pendentes de aprobación. E, como representante das forzas de seguridade que teñen a misión de protexer ás vítimas, o oficial de policía Antonio Penas, expuxo a súa charla sobre como facilitar e axudar na seguridade das mulleres maltratadas.