DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes despediron xuntos 2007

Gominolas e champaña para festexar un fin de ano anticipado en Ciencias Sociais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 13/12/2007
Os alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus pontevedrés, festexaron ao longo da mañá un fin de ano anticipado co obxectivo de poder estar os estudantes xuntos nesta celebración. “Fixemos hoxe o fin de ano porque é o último día na facultade, mañá xa non hai clases, xa nos imos de vacacións e ata xaneiro non nos volvemos a ver. Ata agora nunca celebramos xuntos o fin de ano, porque os estudantes van ás súas casas polo Nadal e non tivemos esa oportunidade, por iso decidimos empezar este ano a facelo antes de que finalicen as clases”, explicou unha das alumnas organizadoras da festa.
No festexo, que tivo lugar na entrada da facultade, non faltaron nin as badaladas, nin a champaña pero, iso si, as tradicionais uvas foron substituídas por gominolas. Cunha recreación da Porta do Sol madrileña feita polos propios rapaces, un carismático Ramón García e unha peculiar Ana Obregón foron os encargados de retransmitir, desde as doce do mediodía e cada hora, as badaladas que dan entrada ao novo ano. A medida que ían rematando as clases, os estudantes sumábanse á festa, na que tamén participaron algúns docentes.

Non faltou comida

Como en toda boa festa do Nadal un requisito imprescindible é que haxa bastante comida e bedida. Nesta ocasión, o chocolate quente con churros foi o gran triunfador, sobre todo polo frío que facía á intemperie, pero ademais os asistentes puideron degustar todo tipo de doces típicos destas datas como polvoróns, tortas, amendoados, turróns, etc.