DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O secretario xeral do PSdG iniciou hoxe na UVigo unha ronda de encontros cos reitores 

Gonzalo Caballero insta á Xunta a facer un esforzo no Plan de Financiamento Universitario 2022-2026 acadando máis fondos estruturais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/04/2021

O secretario xeral do PSdG, Gonzalo Caballero, regresou hoxe ao campus da Universidade de Vigo no que, ata que asumiu o cargo á fronte do PSOE galego, exercía a docencia e a investigación. No seu retorno á UVigo, Caballero mantivo unha reunión co reitor, Manuel Reigosa, que agradeceu a visita “dun representante político que se interesa polo que facemos na Universidade e como o facemos, e polo papel que a institución está chamada a xogar dentro da recuperación económica e social e a todos os niveis”, sinalou o reitor. No primeiro dos encontros que Caballero manterá cos tres mandatarios das institucións académicas do SUG, o secretario xeral do PSdG incidiu na obriga de darlle prioridade ás universidades publicas, ao tempo que instou á Xunta a facer un esforzo no Plan de Financiamento 2022-2026, que neste intre se está a negociar, acadando máis fondos estruturais “que permitan reforzar o sistema universitario galego ante os novos retos de futuro”, así como renovar os cadros de persoal, creando prazas “que leven á universidade pública galega á vangarda do coñecemento no conxunto internacional”, sinalou.

Na súa comparecencia ante os medios, posterior á xuntanza, Caballero tamén defendeu, fronte a inicitivas privadas, a prioridade do sistema público, lembrando que “temos tres magníficas universidades en Galicia que seguen requerindo financiamento. E todo o que non sexa compatible co sistema público implica riscos que non son beneficiosos para o conxunto do sistema”, afirmou o secretario xeral do PSdG. Así mesmo, Caballero defendeu o protagonismo das universidades galegas na definición dos proxectos que optan aos fondos Next Generation, que considera unha oportunidade de reactivación económica e social.

Compromiso co sistema universitario público galego

Tras gabar o esforzo da comunidade universitaria galega e nomeadamente o da UVigo en tempos de pandemia, en especial no ámbito da dixitalización, que segundo Caballero a converteu “nunha referencia para o SUG”, o secretario xeral do PSdG reiterou o compromiso do seu partido co sistema universitario público, “que segue a ser unha necesidade para construír unha sociedade mellor”. Unha idea que respaldou o reitor da UVigo, que incidiu na necesidade de incentivar o sistema público para que sexa máis eficiente e capaz de dar resposta ás necesidades da cidadanía. “Nós estamos pagados por fondos públicos e debémonos á cidadanía e iso é o que é a UVigo, e entre todos temos que loitar por unha sociedade galega máis próspera e máis xusta”, asegurou Reigosa. 

Caballero tamén comprometeu o apoio do PSdG no Parlamento de Galicia ao sistema público universitario fronte a un proxecto de universidade privada que os reitores non consideren complementario e que poña en risco e debilite o sistema público galego. “Os socialistas estaremos cos reitores e respaldaremos no Parlamento unha aposta clara polo público no que calquera iniciativa privada poida desdebuxar o que temos feito e avanzado”, dixo Caballero. Neste sentido, avanzou que trasladarán na cámara galega o seu compromiso co sistema universitario galego “e imos poñer un muro de contención a calquera iniciativa que non teña o respaldo das comunidades universitarias e dos reitores das universidades públicas galegas”, dixo. 

Papel fundamental das universidades nos fondos Next Generation

No seu encontro co reitor, Caballero e Reigosa tamén coincidiron no necesario protagonismo que as universidades do SUG deben ter en relación cos fondos Next Generation. O secretario xeral do PSdG considera que as institucións académicas deben ter un papel fundamental á hora de perfilar e impulsar a reactivación de Galicia fronte á maior crise que se recorda. “Trasladeille ao reitor que todos os proxectos que sexan positivos para Galicia e conten co respaldo da comunidade universitaria galega e especificamente da UVigo terán o respaldo do PSOE para conseguir acadar aqueles proxectos que poidan acadar financiamento europeo en cuestións referentes como a dixitalización, a transición ecolóxica, o novo modelo industrial ou cuestións referentes ao medio rural ou mariño”, explicou Caballero, que animou a buscar sinerxías coa Xunta e o Goberno de España para facer o mapa de prioridades para os proxectos que sexan fundamentais para a reactivación e que poidan optar a captar a fondos europeos.  

Neste sentido, o reitor da UVigo asegurou que a institución “non quere quedar fóra de ningunha participación en iniciativas publico privadas, como totalmente publicas e queremos dar o mellor de nós, así que nós a disposición da sociedade galega “, dixo Reigosa.