DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coas limitacións ás que obriga a pandemia, diferentes centros promoven actos presenciais

As graduacións retornan ao campus a partir deste xoves

O primeiro acto terá lugar en Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/06/2021

Datas sinaladas en cada remate do curso académico, os actos de graduación supuñan o momento de celebrar o fin dunha etapa e recoñecer o esforzo realizado ao longo dos anos polos novos titulados e tituladas. Mais estas conmemoracións víronse interrompidas pola covid-19, que obrigou o pasado curso a desbotar a súa celebración ou a convertelas en virtuais. Aínda que coas restricións e medidas ás que obriga a pandemia, as graduacións presenciais retornan neste 2021 ao campus pontevedrés. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que despedirá por separado á novena promoción dos seus tres graos, abre o xoves este período de celebracións, que continuará a vindeira semana con Dirección e Xestión Pública, mentres que en xullo terá lugar a graduación da Escola de Enxeñaría Forestal. Tamén celebrará un acto presencial a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade, mentres que Fisioterapia decidiu non levalo a cabo neste momento, ao igual que fixo a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no referido aos graos de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual.

Tres despedidas consecutivas en Ciencias da Educación e do Deporte

Antes da covid-19, Ciencias da Educación e do Deporte acostumaba reunir nun mesmo acto aos novos titulados e tituladas en Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Mais neste contexto, cada promoción festexará a súa graduación por separado no pavillón da facultade, “procurando garantir o cumprimento do plan de prevención para a covid-19 e, ao mesmo tempo, non perder emotividade”, como salienta o seu decano, Óscar García. Con ese propósito, o pavillón acollerá ao longo da tarde deste xoves 17 tres actos consecutivos, “de curta duración, con distancias de seguridade, asentos preasignados e entrada e saída ordenada”, como explica a vicedecana Mercedes Varela. 

Con preto de 60 asistentes en cada caso e un tempo reservado á limpeza entre cada un deles, os tres actos seguirán o mesmo esquema e contarán coas intervencións do vicerreitor do campus, Jorge Soto, o decano, a madriña ou padriño e representantes do alumnado. Os primeiros en festexar a súa graduación, ás 16.00 horas, serán os novos titulados e tituladas en Educación Infantil, que terán como madriña a profesora Eulalia Agrelo. A continuación farao a nova promoción de de Educación Primaria, con Francisco Pena como padriño, pechando a xornada os graduados e graduadas de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, con Alexis Padrón como padriño.

Dirección e Xestión Pública despide as súas promocións

No caso da Facultade Ciencias Sociais e da Comunicación a ausencia de “espazos adecuados co aforo preciso”, como explica a súa decana, Emma Torres, fan que neste remate de curso só vaia levarse a cabo, o venres 25, a graduación de Dirección e Xestión Pública, na que se despedirá a 14 integrantes da súa décimo segunda promoción, xunto con outros oito egresados que remataron a titulación o pasado curso. Cada un deles, explica Enrique Varela, decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, acudirá acompañado por un único convidado a un evento presidido polo reitor, Manuel Reigosa, ao que asistirán tamén o alcade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o delegado da Agencia Tributaria en Pontevedra, Daniel Gómez Aragón, e a presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, Pilar Otero. “Será un acto académico seguro, sinxelo e emocionante”, sinala Varela, que exercerá como padriño nun acto no que intervirán tamén representantes das dúas promocións e respecto do que salienta que “a covid-19 cambiouno todo menos a ilusión” por levar a cabo un encontro presencial, “seguindo todos os protocolos establecidos". 

Enfermaría traslada o seu acto ao Centro Príncipe Felipe

Un día antes, o xoves 24, 42 novas tituladas e 7 novos titulados da Escola de Enfermaría celebrarán a súa graduación, nun acto que, por cuestións de aforo, este centro adscrito traslada ao salón de actos do Centro Príncipe Felipe. Cada novo titulado e titulada poderá acudir con dous acompañantes a un evento con control de acceso e invitacións numeradas, no que intervirán a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicerreitor do campus de Pontevedra; o director do centro, Miguel Ángel Piñón, e a presidenta do padroado da escola, a deputada provincial Noemí Outeda. O acto contará tamén coa intervención dunha representante desta promoción e coa presentación dun traballo de fin de grao como lección de clausura. 

Celebración ao aire libre na EE Forestal

O venres 16 de xullo é a data escollida para despedir á oitava promoción de graduados e graduadas en Enxeñaría Forestal, nun acto que se levará a cabo no exterior da escola. “Para eles é un día para recordar, e, ao igual que puidemos levar a cabo as saídas de campo e ir normalizando todo o que foi posible neste curso, buscamos a posibilidade de facer o  acto da forma máis segura posible”, sinala o director da escola, Juan Picos. Organizado conxuntamente pola dirección do centro e a delegación de estudantes, está previsto que neste acto participen entre 25 e 30 titulados, “fundamentalmente estudantes que rematan este curso, aínda que tamén demos a opción aos do ano pasado”, que, por cuestións de aforo, non poderán estar acompañados polos seus familiares, motivo polo que se prevé a posibilidade de retransmitir a graduación a través de internet.

Con independencia de que poidan promoverse conmemoracións no futuro, a Facultade de Fisioterapia non celebrará acto de graduación neste curso. No caso de Belas Artes, tampouco está prevista ningunha celebración, á espera de posibles iniciativas que poidan proporse desde a delegación de estudantes.