DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de clausura do curso terá lugar no Edificio Xurídico Empresarial

Gradúase a primeira promoción de titulados en Información Técnica do Medicamento

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 07/03/2008

A primeira promoción do Graduado Superior en Información Técnica do Medicamento xa está na rúa despois de completar a formación que os acredita como profesionais no sector. A principal saída deste título propio é a de visitador médico e, polo tanto, está dirixido a todos aqueles que pretendan dedicarse a iso ou que xa o fagan e queiran actualizar os seus coñecementos. Os dous cursos dos que constaba o graduado superior impartíronse de xeito on line grazas á plataforma de teledocencia da Universidade de Vigo.
Alberto Vaquero, un dos directores da titulación comentou que “é unha oferta de formación especializada que leva a cabo a Facultade de Dereito en colaboración coa Confederación Española de Asociacións de Profesionais de Informadores Técnicos Sanitarios CEATIMEF e é ademais o único título destas características impartido por unha universidade pública no noso país”.
Dende a organización fan unha valoración moi positiva dos resultados acadados xa que, do total de alumnos que comezaron o programa, 19 finalizaron a súa formación en convocatoria ordinaria, o que supón un 70%. “A semana pasada defenderon os proxectos finais e comprobamos os excelentes traballos realizados, algúns dos cales, previsiblemente, serán publicados en revistas internacionais de recoñecido prestixio” apuntou Vaquero. O éxito é, segundo o codirector, “unha proba da calidade da formación impartida e permite seguir apostando por este tipo de estudos especializados. De feito, a gran demanda social destes profesionais e a carencia case absoluta doutros cursos de formación superior centrados na información técnica do medicamento converten á Universidade nun referente”.
Ademais da formación, os alumnos titulados tamén teñen a posibilidade de coller experiencia en empresas do sector. Fai uns meses firmouse un acordo no marco de colaboración cos laboratorios farmacéuticos MERCK e, en palabras de Alberto Vaquero, “está prevista a sinatura de novos acordos de colaboración, sendo especialmente interesantes os que permiten a realización de prácticas”.
A partir do curso 2007/2008 a Facultade de Dereito comezou a impartir unha nova edición do Graduado en Información Técnica do Medicamento pero xa como graduado universitario composto por tres cursos cun total de 180 créditos en vez dos 120 repartidos en dous cursos que tiña o graduado superior.

Acto de clausura do curso

Os novos graduados recollerán o seu diploma acreditativo no acto de clausura que terá lugar este venres ás 20.00 horas no salón de graos do Edificio Xurídico Empresarial en presencia do presidente do Consello Social, Emilio Atrio, o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area. Ademais, entre os asistentes tamén estarán un nutrido grupo de profesores e de profesionais do sector de informadores técnicos sanitarios xunto cos codirectores do curso, Inés Iglesias, Alberto Vaquero e Óscar Rilo.

Máis información sobre a titulación.