DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rematada a Vuelta Ciclista por la Ciencia, os promotores fan unha valoración “moi positiva” 

Un gran de area na marea que aspira a inundar a sociedade de pensamento científico

Reclaman máis apoio institucional e político para darlle continuidade á experiencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigar
Mª del Camen Echevarría DUVI 24/09/2018

“Constatar que os científicos, todos, non unicamente os que nos involucramos nesta primeira edición da Vuelta Ciclista por la Ciencia, temos a posibilidade de facernos oír na sociedade que financia o noso traballo e que á xente da rúa interésalle saber que facemos, foi moi agradable e esperanzador”. Así valora o docente e investigador da Universidade de Vigo Luis Navarro a primeira edición da Vuelta, que tras percorrer en bicicleta preto de 600 quilómetros entre Vigo e Madrid, co obxectivo de achegar o traballo das e dos científicos á sociedade, rematou o pasado venres. Unha opinión compartida polo tamén investigador da Universidade de Vigo José María Sánchez, que asegura que “ao ser unha experiencia piloto partiamos con múltiples dúbidas e temores, pero todos eles foron superados grazas á magnífica disposición dos participantes e a colaboración das institucións académicas que nos acollían en cada etapa”. Navarro e Sánchez, xunto a Adrián Escudero, da Universidad Rey Juan Carlos; Fernando Valladares, do Museo Nacional de Ciencias Naturales, CSIC, e Pablo Vargas, do Real Jardín Botánico de Madrid, CSIC), son os promotores dunha iniciativa pioneira en España, na que combinaron deporte e divulgación científica e na que, segundo Navarro, “suspendemos á hora de captar mulleres, o que fixo un pouco anacrónico o noso discurso e sen dúbida sería moito máis bonito e mellor acollido se contásemos cunha participación máis paritaria”.

Convivencia, cansazo e achegamento á sociedade

 Os promotores e participantes da Universidade de Vigo na Vuelta coinciden á hora de destacar a convivencia entre compañeiros, o apoio recibido por parte de colegas doutras institucións e da sociedade en xeral, como o máis positivo dunha experiencia que “nos permitiu achegarnos máis a esa sociedade que aínda segue a ver ás e aos científicos como xente rara e lonxe da sociedade”. Mesturada co sentimento de ter superadas as expectativas que se marcaran, tres días despois de aparcar as bicicletas, José María Sánchez lembra o “cansazo que iamos acumulando cada día, que se combinaba co estrés derivado da obriga autoimposta de concluír os desprazamentos polas mañás e cumprir coas persoas interesadas que se achegaban a escoitar a nosa mensaxe polas tardes. As horas do día son limitadas e a maior parte dos días tiñamos que prescindir da comida e dunhas cantas horas de sono”, explica. 

Navarro, que asegura, que “para min foi unha festa toda a Volta”, tamén destaca a falta de tempo para descansar, repousar ideas e intercambiar comentarios e impresións coas persoas doutros ámbitos sociais que coñecemos e coas que, “con máis tempo, poderíamos aprender moito máis”. A resposta “estupenda” en todas as cidades; “os recibimentos espectaculares e multitudinarios” organizados polos equipos decanais e institucionais; “a simpatía e a solidariedade de gran cantidade de persoas e non só do mundo académico”, son segundo Sánchez e Navarro algúns dos aspectos máis destacables desta experiencia, na que agradecen o apoio de asociacións locais implicadas no fomento do uso da bicicleta como medio de transporte, así como de o artista gráfico Iván Rodríguez “alma mater de Divulgare, que nos axudou a interpretar e expresar mellor a mensaxe que sae dos científicos”.

“Agora non hai posibilidade de abandonar a idea!”

Trala repercusión acadada, “enorme fronte ás nosas expectativas iniciais, agora non hai posibilidade de abandonar a idea!”, asegura Navarro, que non obstante advirte que van necesitar máis apoio institucional e político para darlle continuidade á Vuelta Ciclista por la Ciencia, ou outra iniciativa similar. Pola súa banda, José María Sánchez considera que para acadar unha aproximación aos obxectivos que se formulan “vai ser necesaria a participación continuada dun maior número de persoas de todos os estratos da sociedade”.

Ambos os dous investigadores da Universidade de Vigo coinciden na necesidade de que haxa máis accións co obxectivo de reivindicar o papel da ciencia e das de dos investigadores, “porque á xente lle interesa saber que facemos cos seus impostos e este tipo de iniciativas serven, en definitiva, para achegarnos un pouco máis á sociedade, que non debe ternos medo. Os (bos) científicos cando falamos, non vertemos opinións”, sinalan.