DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O autor afonda nas claves dunha das economías máis determinantes do mundo actual

Grande acollida entre o público do ensaio sobre China publicado polo profesor Albino Prada

O libro, moi manexable e accesible para calquera lector, está á venda en Amazon

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 25/03/2021

En apenas unhas semanas o ensaio El regreso de China ¿Chimérica o Telón Digital? escrito polo profesor do Departamento de Economía Aplicada Albino Prada está a ter unha grande acollida entre o público. Cun formato breve e pensado para o público en xeral, o libro busca ser útil a todas aquelas persoas que queiran pórse ao día sobre de que maneira China, convertida nunha das economías máis determinantes do mundo actual, podería complicar ou facilitar as cousas ao resto dos habitantes do planeta.

O ensaio xurde tras detectar o autor unha carencia de información independente e accesible para o público xeral sobre as mutacións socioeconómicas da China de hoxe. Con esta obra Prada, investigador da Agrupación estratéxica Ecobas, Economics and Business Administration for Society, analiza, “coas mellores e máis actualizadas fontes de datos dispoñibles”, tanto as mutacións históricas de longo percorrido que explican a China actual, como os retos aos que terá que enfrontarse neste século XXI. “Unha análise poliédrica, crítica e independente, abordada nunha extensión manexable para o lector”, tal e como se destaca na contraportada do libro, editado por Mundiediciones e á venda en Amazon, tanto en versión dixital como impresa.

¿Chimérica o Telón Digital?

O título El regreso de China non foi elixido ao azar, senón que responde ao feito de que despois de séculos de abandono da súa vocación oceánica e tecnolóxica, China é, de novo, unha superpotencia exportadora. “Coa súa particular integración na globalización neoliberal está contribuíndo a redefinir as condicións de vida (laborais, ambientais, fiscais, financeiras, enerxéticas...) en todo o planeta”, recálcase na obra.

O ensaio parte cunha revisión histórica e, nunha segunda parte, céntrase nas que considera as áreas claves actuais deste país, para xa logo responder á disxuntiva formulada no subtítulo da obra, ¿Chimérica o Telón Digital? Coa palabra Chimérica o autor fai referencia á crecente interconexión a un lado e outro do Pacífico, sobre todo e non só, con Estados Unidos, e Telón Dixital indica a forza contraria: que hoxe compartir segundo que tecnoloxías pode pór en perigo a soberanía e a estabilidade nacional, facendo fincapé en que a fronteira entre o comercial, o tecnolóxico e a seguridade nacional se está a volver paulatinamente, máis e máis difusa en todo o relativo ao mundo dixital (5G, IA, big data, sistemas operativos...).

Un dos aspectos nos que o autor se detén en maior detalle é en como China busca blindar a súa independencia e soberanía nacional, incluída a tecnolóxica, nese mundo global tan interdependente. Nesta liña, lémbrase como formula as súas propias alternativas ás coñecidas como GAFAM (Google, Facebook, Amazon, Apple e Microsoft), “norteamericanas e hexemónicas”, o que explica por que Whatsapp, Facebook, Instagram ou Youtube están bloqueadas polo goberno chino e por que, no horizonte do 5G, a IA, e o big data, este país tomou a decisión de erradicar o hardware e o software occidental con todos os seus organismos públicos antes de finalizar o ano 2022. “Un ‘telón’ de precaución, agora non de aceiro nin de formigón, pero si dixital”, tal e como se recalca no ensaio: Baidu fronte a Google; Tmall-Alibaba fronte a Amazon...

Críticas máis que positivas de prestixiosos economistas 

Os retornos positivos sobre este traballo estanlle a chegar ao autor tanto do público en xeral como dos propios colegas, prestixiosos economistas como o catedrático de Política Económica da Universidad de Barcelona Antón Costas. “A persoa que queira entender, sen perderse nos detalles,  a extraordinaria transformación de China e o reto que o seu modelo autoritario representa, para tanto as democracias liberais como para as relacións internacionais no século XXI, debe ler este ensaio”, salienta Costas, ao que engade que, “lonxe da linguaxe académica ‘empalagosa’ ao uso, a prosa áxil do profesor Albino Prada fai que a súa lectura resulte amena á vez que instrutiva. Léano e verán que me darán a razón”.

Desde o punto de vista do catedrático de Organización de Empresas da Universidade de Vigo Xosé H. Vázquez, “o futuro do edificio global que debuxa Albino Prada neste ensaio ten unha silueta intrigante, así como un chan potencialmente esvaradío para a propia China e para o mundo. A maneira de entrar nese edificio con seguridade pode ser obxecto de debate, pero desde logo comeza por incorporar o tipo de coñecementos que libros coma este poden concedernos”.

Catro libros divulgativos e de análise social en apenas catro anos

Colaborar habitual en diarios e revistas de información periódica, coa publicación de El regreso de China. ¿Chimérica o Telón Digital?, Albino Prada suma un novo título a unha listaxe de obras de divulgación e análise social entre as que se inclúen a triloxía composta por Caminos de incertidumbre (Catarata, 2020), El despilfarro de las naciones (Clave Intelectual, 2017) e Crítica del hipercapitalismo digital (Catarata, 2019), tres volumes cos que o autor se mete de cheo na descrición divulgativa  dalgúns dos perigos que ameazan o século XXI.