DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por mor da situación provocada pola covid-19

O Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte non terá probas de acceso neste 2022

O acceso á titulación seguirá o procedemento xeral do SUG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/02/2022

As características da titulación fan que o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte sume ao procedemento xeral de acceso a superación dunhas probas de aptitude física, dirixidas a garantir unhas aptitudes mínimas de condición física que permitan o correcto aproveitamento das materias prácticas deste grao. Non obstante, a situación provocada pola covid-19 fará que estas probas físicas de acceso non leven a cabo neste 2022, de tal xeito que o acceso e admisión na titulación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte realizarase o vindeiro curso seguindo o procedemento xeral do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

“Pola seguridade do alumnado, preferimos ser prudentes”, recoñece o decano, Óscar García, que sinala que a decisión de levar a cabo ou non estas probas de acceso, “nas que chegaron a reunirse preto de 300 candidatos”, tiña que tomarse con antelación para que as persoas interesadas en acceder ao grao “tivesen marxe de manobra”. Isto motivou unha resolución reitoral que, a efectos de acceso e admisión para o curso 2022-2023, deixa sen efecto outra resolución previa, na que seestablecía o procedemento para a realización destas probas de aptitude. Segundo recolle esta resolución, trátase dunha decisión de “carácter excepcional”, motivada pola “situación excepcional creada pola pandemia da covid-19” e “o cambiante da situación sanitaria e das correspondentes medidas e actividades permitidas en cada momento”. 

“Non podíamos agardar a marzo ou abril para tomar a decisión, porque son probas que a xente ten que preparar”, engade García desta “anulación temporal”, unha decisión a covid-19 obrigou a adoptar tamén en 2020 e 2021. “Esperemos que o vindeiro ano podiamos ter a normalidade suficiente para facer as probas de acceso”, engade o decano, quen ao mesmo tempo sinala que, pese ao carácter puntual da medida, podería ser convinte tamén “abrir o debate” en Xunta de Facultade, "como xa se fixo na Conferencia de Decanos" desta titulación, respecto de “que tipo de probas” deben levarse a cabo para avaliar a competencia motriz do futuro alumnado. Neste punto, García recoñece que, polo de agora, “aínda é pronto para detectar aínda se o feito de que haxa probas ou non pode modular o perfil de alumnado” que cursa unha titulación “con moitísima demanda” e cuxa matrícula de acceso, sinala, “é das primeiras que se cubre na Universidade de Vigo”.