Jácome e Reigosa mantiveron un encontro esta mañá en dependencias da alcaldía
O Grao en Relacións Internacionais e o Centro de Intelixencia Artificial centran a reunión entre o alcalde de Ourense e o reitor
De “frutífera” cualificou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a reunión que esta mañá mantivo en dependencias da alcaldía co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e na que ambos avanzaron en diferentes liñas de colaboración entre ambas institucións centradas no reforzo da oferta formativa do campus de Ourense e o desenvolvemento de proxectos de futuro como o Centro de Intelixencia Artificial.
Na xuntanza celebrada este mércores, o reitor trasladoulle ao alcalde a intención da Universidade de implantar no campus ourensán no curso 2020/2021 o Grao en Relacións Internacionais, segundo o acordo acadado a finais do pasado mes de xullo entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as universidades galegas. Pola súa banda, o alcalde comprometeuse a que o Concello facilitará espazos axeitados para impartir as clases os primeiros cursos. O reitor agradeceu a “excelente receptividade” do Concello ás necesidades da Universidade no campus de Ourense, ao tempo que expresou a súa satisfacción por contar cunha nova titulación que “engade potencialidade ao campus e vai estar relacionada con titulacións que xa se imparten aquí en Ourense”.
O Centro de Intelixencia Artificial
En relación co futuro Centro de Intelixencia Artificial, a xuntanza de hoxe tamén serviu para “afianzar a cooperación clara” da Universidade co proxecto promovido polo Concello e sobre o que proximamente o alcalde manterá un encontro co director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Reigosa cualificou o Centro como“ un proxecto de cidade moi interesante, que pode rexenerar moitas sinerxías coa nosa escola de informática, polo que estamos dispostos a apoiar o proxecto e esperamos que sexa un éxito para a cidade, para a cidadanía e para as dúas institucións”, sinalou o reitor.