Nun curso de extensión universitaria que se desenvolve na Facultade de Comunicación
Da gravación analóxica á intelixencia artificial, 20 estudantes afondan nos procesos da produción musical
Dirixido polo profesor e produtor Javier Abreu
Inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, a Facultade de Comunicación acolle nestas semanas o curso Gravación e produción musical, que permite aos seus máis de 20 inscritos e inscritas coñecer e traballar de xeito práctico cos diferentes procesos de produción musical, desde a gravación analóxica nun estudio ao uso de ferramentas de intelixencia artificial. “A idea é que saían do curso cunha visión ampla de todas as posibilidades que ofrece hoxe en día a tecnoloxía, para que logo poidan aplicar o criterio que se debería aplicar nun proceso de produción”, sinala o produtor e profesor da facultade Javier Abreu, responsable deste curso de 40 horas, que desenvolve a súa segunda edición con todas as súas prazas cubertas.
Esta iniciativa forma parte dunha programación de cursos de verán aberta a toda a cidadanía e reúne como alumnado "un grupo moi heteroxéneo”, recoñece Abreu. “Hai persoas que veñen de fóra do ámbito universitario e que xa teñen experiencia en procesos de produción e gravación, persoas que lles seduce todo este mundo e que parten duns coñecementos moi básicos e tamén alumnado universitario que tivo xa unha experiencia ou un primeiro contacto”, explica. “Isto permítenos traballar sobre proxectos multinivel e a verdade é que está sendo moi motivador todo o proceso”, recoñece Abreu, que ao longo da súa traxectoria como produtor traballou con grupos como Los Piratas, Ruxe Ruxe, Zenzar ou Killer Barbies.
Nese senso, explica que o obxectivo desta iniciativa é que as e os participantes saian do curso “cunha visión xeral” que lles permita “saber como deben abordar unha produción e gravación” e poidan logo seguir profundando en diferentes aspectos. Con esa idea, entre os obxectivos desta actividade figura tanto que poidan coñecer “o estado actual da industria de produción de música e as súas oportunidades”, como aplicar de xeito práctico procesos de produción musical tanto no eido do son orgánico como no do electrónico.
Coñecer e experimentar
A idea, engade Abreu, é que o alumnado adquira “esa visión xeral” ao tempo que "experimentan” con diferentes procesos, levándoos a traballar noutros ámbitos diferentes a aqueles cos que están máis familiarizados. As e os matriculados traballan divididos en cinco grupos de traballo, que abordan o desenvolvemento dun proxecto musical nun proceso “moi transversal, no que participan todos en todo”. Isto lévaos a enfrontarse tanto á definición inicial de “proxectos que parten de cero”, como a gravar no estudio ou traballar con ferramentas de intelixencia artificial e instrumentos midi. “A idea é que todos se enfronten a situacións que descoñezan”, sinala o produtor e docente. Nese senso, entre os contidos do taller figuran tanto os procesos aplicables a xestión de proxectos profesionais nun estudio de gravación, como o traballo nun home studio, do mesmo xeito que se abordan tanto a gravación con instrumentos como as técnicas e recursos para a produción de música electrónica e dixital.
Ao longo das diferentes sesións, as e os participantes enfróntanse, desde o enfoque da produción, como “deseñar un proxecto para logo levalo a cabo con procesos de gravación, utilizando diferentes tecnoloxías, tanto a gravación orgánica”, como o traballo con instrumentos virtuais, á vez que abordan “a utilización de ferramentas de intelixencia artificial”. Neste punto, Abreu recoñece o peso crecente destas tecnoloxías en moitos dos procesos, o que motiva que un dos contidos deste curso sexa pór o foco en como na súa integración é precisa “unha reflexión que ten que ver coa produción, con como se implementa dunha maneira ética”. Neste punto, subliña que “gravación e produción van intimamente ligadas”, de tal xeito que, con independencia das ferramentas empregadas en cada momento, o obxectivo deste actividade formativa é pór o foco en que “se algo debe achegar a produción musical a un proxecto é criterio”. Isto fai á súa vez que se trate dun “curso moi vivo, que vai mudando en función de como evolucionan os proxectos”, recoñece.
