DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto promovido con motivo da conmemoración do día internacional dedicado a este vehículo

O Green Campus reivindica a bicicleta como un medio de transporte saudable e sostible

Contou coa colaboración do Grupo Deportivo Supermercados Froiz

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/06/2021

Promover entre a comunidade universitaria hábitos saudables e fomentar a súa concienciación ambiental forman parte dos obxectivos do programa Green Campus, polo que Pontevedra foi o primeiro campus de España recoñecido coa bandeira verde que outorga a Foundation for Environmental Education (FEE) polo labor en materia de educación e xestión ambiental. No marco deste programa, o campus sumouse este xoves á conmemoración do Día Internacional da Bicicleta cunha actividade na que contou coa colaboración do Grupo Deportivo Supermercados Froiz. Representantes do club pontevedrés achegaron ata o exterior da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dúas bicicletas de competición e encargáronse tamén de informar e responder as dúbidas dos participantes respecto de características, arranxos e axustes nestes vehículos.

“O noso obxectivo é que cada día máis persoas pensen na bicicleta como un medio de transporte saudable e moi recomendable”, salientou o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, nun acto no que estivo acompañado por Evaristo Portela, director do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, e José Luis Barros, un dos mecánicos do club. Como destacou Souto, o fomento do uso da bicicleta “encaixa perfectamente” co labor de educación ambiental do proxecto Green Campus, xa que implica, por unha banda, o fomento da práctica de actividade física e a promoción de hábitos saudables entre a comunidade universitaria, pero tamén unha aposta por un medio de transporte que supón "un compromiso co medio ambiente", xa que o seu uso permite diminuír as emisións de CO2 á atmosfera que xeran outro tipo de vehículos. “O deporte é fundamental para ter unha sociedade máis sa”, engadiu Portela, que definiu como unha “obriga” a participación do Supermercados Froiz neste tipo de iniciativas, dirixidas “a fomentar hábitos saudables”, lembrando nese senso que as vendas de bicicletas en España aumentaron un 45% o último ano. 

Un carril e bicicletas ao servizo da comunidade universitaria

Nun acto no que se regalou unha camiseta a aqueles e aquelas que se desprazaron ata o campus en bicicleta, Souto lembrou que este conta cun carril-bici conectado co "dunha cidade ideal polas súas características” para o uso deste medio de transporte, así como cunha estación de reparacións, no acceso á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Do mesmo xeito, expuxéronse nesta actividade algunhas das bicicletas que a institución académica pon á disposición da comunidade universitaria e que, de acordo cunha serie de requisitos, “poden solicitar nas diferentes facultades e utilizar de forma gratuíta”. Souto lembrou así mesmo que, da man da Vicerreitoría do campus, o pasado mes de abril a Universidade participou por primeira vez no Reto 30 días en bici, promovido pola empresa Ciclogreen.