DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu sexto plan de acción, que o Comité Ambiental debateu nunha xuntanza virtual 

O Green Campus reúne preto de 80 medidas na súa folla de ruta para este curso

Entre elas, a creación dunha horta ecolóxica e a instalación dunha rede de biomasa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 02/11/2020

Preto de 80 accións integran o sexto plan de acción do programa Green Campus, proxecto que permitiu a Pontevedra converterse en 2015 no primeiro campus de España en obter a bandeira verde que outorga a Foundation for Environmental Education (FEE). Diferentes medidas en materia de optimización dos consumos enerxéticos, redución de residuos, consumo responsable, voluntariado ambiental e sustentabilidade integran a folla de ruta do programa para o presente curso. Entre as novidades dun plan que mantén unha serie de accións xa previstas no documento anterior, ben porque requiren dunha continuidade, ben porque non puideron levarse a cabo por mor da situación sanitaria, figura a creación dunha horta ecolóxica que sirva tamén para desenvolver proxectos académicos e de investigación, así como a instalación dunha rede de produción e distribución de calor baseada en biomasa.
 
Como recoñece o director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto, a crise sanitaria provocará que “moitas das actividades” previstas, especialmente aquelas que impliquen reunir á comunidade universitaria, “teñan que esperar a que as cousas melloren”. Non obstante, no documento figuran tamén outra serie de proxectos e “pequenas accións” que si se poden acometer neste contexto, subliña. “Chegaremos ata onde cheguemos, pero o espírito ten que ser intentar facelas todas”, conclúe Souto da folla de ruta definida a pasada semana nunha reunión virtual na que participaron representantes de diferentes centros e servizos da Universidade e de colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural e Amizade. A xuntanza contou así mesmo coa participación de Jorge Soto, vicerreitor do campus, e de Ana Pérez e Carmen Fernández, responsables dos programas Green Campus e Ecoescolas na ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), que se encarga da xestión en España deste programa internacional. 

Horta ecolóxica e rede de biomasa

Entre as accións a acometer no presente curso destaca a creación dunha horta ecolóxica, "que funcionará como unha especie da aula da natureza”, trala Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. “Buscaremos que sexa algo un pouco transformador, que sirva para desenvolver actividades de educación ambiental e como un espazo de investigación para traballos de fin de grao e outros proxectos académicos”, salientou Souto. Así mesmo, “dentro da política da Universidade de aposta polas enerxías renovables”, levarase a cabo a instalación, por parte da Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, dun district heating, unha rede de biomasa que subministrará calor ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte, á vez que reducirá en 250 toneladas anuais as emisións de CO2 á atmosfera. 

Nove eixos, 78 accións

A falta de que poidan incorporarse novas propostas por parte das comisións ambientais dos centros, o plan de acción reúne 78 medidas articuladas en torno a nove obxectivos. Un deles é a optimización do consumo de auga e enerxía, no que se insiren accións de avaliación dos consumos e de sensibilización, así como a instalación dun punto de recarga para coches eléctricos, que, como explicou Souto, “non puido levarse a cabo o pasado curso”. No referido á redución da emisión de residuos e mellora da recollida selectiva, o plan recolle tamén diferentes accións de divulgación, ao igual que no obxectivo referido ao correcto tratamento e xestión dos RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), no que se insire ademais a organización de tres novas edicións da semana de recollida destes residuos. 

Nese senso, Souto recoñece que un dos aspectos nos que o documento “incide moitísimo é na difusión e divulgación”, dentro da que, sinala, “seguiremos moi involucrados na promoción de hábitos de vida saudables”, pondo o foco en cuestións como a alimentación ou o transporte. Cuestións presentes nas medidas relativas a compra verde, comercio xusto e consumo responsable e participación, así como nas accións inseridas no obxectivo referido a participación, sensibilización e voluntariado ambiental. Neste apartado, o plan recolle propostas como elaboración dun plan estratéxico para facer uso da xiloteca da EE Forestal e do arboreto do campus, xornadas, un concurso de fotografía ambiental, unha exposición de arte postal ou a difusión das actividades do programa a través dos manteis de papel dos comedores. A promoción dos desprazamentos a pé ou en bicicleta forma parte tamén das accións relativas á mellora da mobilidade e accesibilidade, xunto coa implantación de medidas correctoras a partir do plan de accesibilidade elaborado en 2015.

Por outra banda, a plantación de frondosas e plantas aromáticas e a eliminación de especies invasoras son algunhas das accións inseridas no bloque sobre biodiversidade, reforestación e adecuación de zonas verdes. O documento complétase coas accións en materia de política de sustentabilidade e cun bloque que agrupa unha serie de propostas dirixidas a promover a inclusión da educación ambiental nas guías docentes, complementadas pola creación dun premio aos mellores traballos de fin de grao e máster sobre sustentabilidade.

Un balance marcado pola covid-19

Na xuntanza virtual para dar forma a este documento, Souto fixo balance do grao de cumprimento do plan de acción aprobado para o pasado curso, que se viu marcado pola covid-19. “Leváronse a cabo máis do 50% das accións previstas”, explicou o director do Green Campus, que destacou iniciativas como a “auditoría interna para analizar e adecuar os consumos de auga en todas as billas” ou a instalación de paneis solares fotovoltaicos en Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte. O director deste programa lembrou tamén a celebración da Xornada Green Campus, na que participou o divulgador e naturalista Joaquín Araújo, a posta en marcha, xa a comezos deste curso, do grupo de consumo responsable Campus de Pontevedra, ou a instalación de fontes de auga e o reparto de bidóns co propósito de reducir o consumo de botellas de plástico.