DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi unha das novidades da programación de obradoiros deste cuadrimestre

O Grupo de Crecemento Persoal e Empoderamento para Mulleres remata a súa actividade co compromiso de volver o vindeiro curso

As participantes fixeron un percorrido polas súas biografías desde unha perspectiva de xénero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 13/12/2021

Entre as novidades da programación deste primeiro cuadrimestre de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense estivo a posta en marcha dun Grupo de Crecemento Persoal e Empoderamento para Mulleres. Nel, dez mulleres, de idades e perfís moi diversos, fixeron un percorrido ao longo das súas biografías persoais desde unha perspectiva de xénero co obxectivo de mellorar o seu benestar.

A catedrática da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da Universidade de Vigo María Lameiras foi a responsable deste obradoiro que tivo como obxectivo “a promoción do benestar eudaimónico das mulleres a través do traballo grupal, entendendo este benestar como o proceso de coñecemento persoal que nos permita vivir de forma máis plena”. Con 30 horas de duración, a actividade desenvolveuse nas instalacións universitarias, con dúas sesións semanais nas que participaron tanto membros da comunidade universitaria como persoas allea a ela. “Estamos moi contentas cos resultados acadados polo que queremos darlle continuidade o vindeiro curso académico”, comenta a responsable da iniciativa.

Reflexionar sobre o modelo patriarcal, heteronormativo e xenerizado

“O que fixemos nas sesións foi fundamentalmente un traballo experiencial”, explica María Lameiras. Ao longo das sesións, detalla, as participantes fixeron un percorrido polas súas biografías persoais desde unha perspectiva de xénero e co obxectivo de entender como se ten construído a súa identidade, o seu autoconcepto e como iso ten repercutido na súa autoestima. Nas sesións, apunta, abordouse o impacto que ten na construción da identidade “a mensaxe xenerizada do que significa ser muller”, en relación á personalidade e ao corpo. No modelo patriarcal, heteronormativo e xenerizado vixente, de “espazos ríxidos, bipolares e asimétricos”, comenta a catedrática da UVigo, ás mulleres “sobre todo se nos transmite a mensaxe de construír a nosa identidade en relación: son eu en tanto en canto me dou para outras persoas”, algo que se traduce na consideración por exemplo da vida en parella e a maternidade como “elementos significativos da construción da identidade”. No obradoiro, comenta María Lameiras, “fixemos un percorrido por estas mensaxes que enchen de contido o que eu son” para “entender como iso ten condicionado a miña liberdade para construír quen son”. Na medida, engade a profesora, “en que son capaz de reflexionar sobre todo iso, podo identificar cales foron esas trampas nas que se me ten metido e podo traballar para reelaborar a miña identidade desde un espazo máis libre. Canto máis conscientes somos de como temos sido atrapadas en determinados esquemas de identidade, máis doado pode ser subverter iso”.

As regras do grupo foron, indica María Lameiras, “falar en primeira persoa, non xulgar e confidencialidade, sendo o grupo o que sostén as narrativas, o que actúa de empoderamento das participantes con ese apoio sen xuízos de valor, escoitando e compartindo”. Así, explica a profesora da UVigo, no grupo “creouse un espazo de confianza e seguridade para que as mulleres puidese falar de cousas íntimas, para axudarlles a entenderse a si mesmas e a avanzar nese camiño de reconstrución constante da identidade, de empoderamento a través da autoestima”. O traballo realizado, apunta a profesora, permitiu ás participantes “pór as gafas de xénero” e “entender que había realidades que non estaban a percibir ata que nos puxemos a reflexionar de onde veñen as cousas, como por exemplo o valor que lle damos ao rol de coidadoras”.