Centrado na especie 'Ischnura elegans', da que detectaron unha posible nova coloración
O grupo EcoEvo realiza o primeiro estudo do polimorfismo de cor nunha libélula das Baleares
Constatando diferencias na súa distribución entre Mallorca e Menorca
Considerado un fenómeno pouco habitual, que achega información sobre os mecanismos de evolución das especies, o polimorfismo consiste na existencia de individuos dunha mesma especie que presentan varios morfos, diferentes aparencias externas en morfoloxía ou coloración. No marco dun proxecto dirixido a analizar as variacións de comportamento entre poboacións continentais e insulares dunha mesma especie, o grupo de investigación EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), da Escola de Enxeñaría Forestal, realizou o primeiro estudo sobre a dinámica de transformación de cor da libélula Iscnhura elegans nas Illas Baleares. Pertencente a un xénero caracterizado pola existencia, en varias das súas especies, dun polimorfismo de cor que se dá unicamente nas femias, este traballo permitiu constatar diferencias na distribución dos morfos de cor entre Mallorca e Menorca. Así mesmo, os investigadores tamén detectaron unha “posible nova transformación” que podería supor a existencia dun cuarto morfo, ata agora non detectado nesta especie.
“É unha especie que levamos moito tempo estudando polo seu polimorfismo, pero non se sabía como era nas illas Baleares”, explica o catedrático Adolfo Cordero, investigador principal do grupo EcoEvo e autor, xunto a Anais Torres e Rosa Ana Sánchez, do artigo no que se recollen os resultados destes traballos. Publicado no Biological Journal of the Linnean Society, o principal achado que recolle é que, a pesar da súa proximidade xeográfica, “as frecuencias dos morfos de cor son ben diferentes entre Menorca e Mallorca”, algo que, recoñece Cordero, “non sabemos a que se debe”.
Ao igual que noutras especie do xénero Ischnura, no caso da I. elegans coñecíase a existencia nas femias de tres morfos de cor diferentes, que ademais “amosan un comportamento diferenciado”, apunta o catedrático. Trátase dunha coloración androcroma, que as fai semellantes aos machos, e dúas xinocromas, que as diferencian destes, denominadas aurantiaca e infuscans. Nese senso, un dos resultados que chamou a atención dos investigadores foi a baixa frecuencia de femias androcromas, que representaban o 15% do total nas diferentes poboacións analizadas. Ao mesmo tempo, o 65% das femias en Menorca presentaban o morfo infuscans, fronte un 46% en Mallorca, onde, por outra banda, existía unha porcentaxe máis elevada de femias con coloración aurantiaca, o 39%, fronte ao 18% detectado en Menorca.
Un posible cuarto morfo
Estes traballos levaron tamén os investigadores a sinalar a existencia dun “posible novo morfo de cor” nesta especie, nunca detectado previamente. “De confirmarse, sería de moito interese evolutivo, pois esta especie ten tres morfos en toda a súa distribución e nas illas podería ter catro”, apunta Cordero. Como recollen no artigo, en todas as poboacións analizadas detectáronse os tres morfos, mais na localidade menorquina de Son Bou atopáronse ademais “dúas femias xuvenís que non puideron asociarse a ningunha das formas femininas coñecidas de Ischnura elegans”. Tratábase de exemplares caracterizados “pola presenza dunha soa liña negra medio-dorsal tórax, como é típico da morfoloxía aurantiaca, pero que tiñan un tórax violeta claro en lugar de rosa alaranxado, que é a cor esperada para" este morfo. A este respecto, sinalan a posibilidade de que esta coloración poida ser resultado dun “xene modificador”, tendo en conta, como apuntan no artigo, que “as poboacións pequenas, particularmente en illas, ofrecen oportunidades para novidades evolutivas e, polo tanto, son de particular interese para o estudo de polimorfismos”.
Baixa densidade e frecuencia de apareamento
Como apunta Cordero, “normalmente esta especie ten unha elevada densidade e polo tanto soe verse en cópula moi frecuentemente”, mais no caso de Baleares, detectouse xusto o contrario, poboacións pequenas, con “baixa densidade e baixa actividade de apareamento”. Este último constitúe, como sinalan, “un dos resultados máis sorprendentes” deste estudo. A este respecto, apuntan a idea de que a concentración dos machos arredor dos estanques, onde se producen as cópulas, podería levar ás femias á afastarse, tendo en conta ademais que a densidade dos machos “ten sido considerada unha das impulsoras do mantemento do polimorfismo de cor feminino” neste xénero de libélulas.